201 ambulantes queren renovar a súa autorización no mercadiño de Baltar
Por Redacción
Un total de 201 vendedores ambulantes presentaron a súa solicitude de renovación das autorizacións concedidas polo Concello de Sanxenxo para participar o próximo ano no Mercado de Baltar. Tal e como constatou o departamento municipal de Mercados, adscrito á Concellaría de Economía, Facenda e Emprego, outros 31 profesionais pretenden incorporarse tamén a esta feira que se desenvolve os luns e xoves, de 9.00 a 14.30 horas, no ámbito da Piscina Municipal.
Actualmente, a Administración local está a levar a cabo as comprobacións necesarias para confirmar que os interesados cumpren cos requisitos esixidos na convocatoria como son ter en regra a documentación, carecer de débedas pendentes co Concello de Sanxenxo en canto ao pagamento da taxa municipal por ocupación de vía pública, e que non superase o número de faltas de asistencia determinado no Regulamento de Mercados en relación á perda do posto.
Ademais, os peticionarios tiveron que presentar os recibos de aboamento da cota de autónomos dos tres últimos meses, certificación expedida pola Axencia Tributaria de estar dado de alta na actualidade no Imposto de Actividades Económicas, permiso de residencia en caso de ser estranxeiro, fotocopia do DNI ou do CIF para aqueles que son persoa xurídica, dos contratos de traballo dos empregados, cando os titulares conten con traballadores á súa conta, e seguro da tarima.
A taxa que deberán aboar os titulares dos postos en 2014 será idéntica á deste exercicio e, polo tanto, ascenderá a 3,48 euros por metro lineal ao mes para aquelas persoas que participen no mercado un día á semana e de 6,96 euros para os que traballen ambas as dúas xornadas.
MERCADILLO VILALONGA
Por outro lado, o Concello de Sanxenxo recibiu 8 solicitudes de renovación das autorizacións para os postos de venda ambulante no Mercado de Vilalonga. Esta feira celébrase os martes na estrada que conduce á igrexa, así como no vial que leva ao novo campo de fútbol, no Revel, dende as 9.30 ás 14.00 horas.