Viches unha bóla de lume no ceo de madrugada? Era unha roca procedente dun cometa
Por Natalia Puga
Durante a madrugada do sábado ao domingo, foron moitos os pontevedreses que puideron ver unha gran bóla de lume sucando o ceo. Ocorreu ao redor da medianoite e o fenómeno sorprendeu a todos os que puideron observalo, pois chegou a alcanzar tal intensidade que, durante un instante, converteu a noite en día.
Este fenómeno atmosférico ten unha explicación. O astrofísico José María Madiedo, do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), relatou na súa conta na rede social X (antes Twitter) que foi producida por unha roca procedente dun cometa que entrou na atmosfera a 161.000 quilómetros por hora.
A Rede de Bólidos e Meteoros do Suroeste de Europa (SWEMN), do Proxecto SMART, á que pertence Madiedo, detectou o bólido e ofrece imaxes, á vez que analiza a súa traxectoria.
Esta espectacular bóla de lume púidose observar sobre España e Portugal e é un fenómeno que, segundo Madiedo, "convierte por un instante la noche en día". Ocorreu, segundo este especialista, ás 0:46 hora local peninsular española e foi vista por multitude de testemuñas.
En Galicia, un gran número de cidadáns chamou ao 112 alertando de que vira unha bóla de lume no ceo. Entre eles, había veciños de Pontevedra e tamén do Porriño, Vigo, Redondela, O Saviñao, Oleiros, Beariz, Nigrán, As Neves, Taboada e A Rúa
A maioría das persoas que chamaron ao 112 coincidiron no seu relato, explicando que se tratou dunha gran bóla incandescente en movemento que iluminou o ceo de cor verdoso ou avermellado e que finalmente se desfixo en anacos. De feito, moitos deles referíronse ao que acababan de contemplar como un bólido ou meteorito.
Desde a Axencia Estatal de Meteoroloxía explicaron ao 112 Galicia que se tratou dun fenómeno atmosférico pouco frecuente, moi luminoso e que se desintegrou ao entrar en contacto coa atmosfera.
Segundo o astrofísico Madiedo, o bólido iniciouse a 122 quilómetros de altitude sobre Don Benito (Badaxoz), desde alí moveuse cara ao noroeste e cruzou Portugal. Finalizou a 54 quilómetros de altura sobre o Océano Atlántico. "Debido a su gran luminosidad, que fue mucho mayor que la de la Luna llena" puido verse desde máis de 800 quilómetros de distancia.
A roca fragmentouse ao longo da súa traxectoria, "aunque todos esos fragmentos se desintegraron completamente en la atmósfera, por lo que ninguno de ellos habría caído al mar", segundo Madiedo.