Da mariscada ao chuletón, as homenaxes gastronómicas do rei emérito nas Rías Baixas
Por Natalia Puga
A cuarta visita do rei emérito a Sanxenxo deste ano transcorre entre as saídas ao mar e as homenaxes gastronómicas. Despois de que o mércores optase por desprazarse ata O Grove para acudir a un dos seus restaurantes favoritos, a mariscaría D'Berto, o xoves decantouse pola carne no seu menú e elixiu Taberna A´de Lino de Moaña.
Se o mércores gozou dunha suculenta mariscada, o venres fíxoo dun chuletón de Moaña. O propio restaurante compartiu unha foto do rei Juan Carlos na súa conta de Facebook detallando ese menú.
"Muchísimas gracias a su Majestad el Rey Don Juan Carlos I por su visita. Para nosotros ha sido un gran honor que venga a nuestra casa a conocer y probar el chuletón de Moaña, una de las mejores carnes del mundo!", relatan desde o restaurante.
Taberna A'de Lino, situada na Fraga (Moaña), converteuse nun referente da zona da man de Lino Fervenza, natural de Moaña e coñecido por ser porteiro do Pontevedra CF e concelleiro. Nesta etapa ligada aos fogóns, alcumáronlle "o home que pasea as carnes".
O venres, no seu terceiro día nas Rías Baixas, o rei emérito si saíu a navegar, de modo que non realizou ningunha excursión para gozar dos manxares da terra. fíxoo nunha lancha auxiliar do Bribón na que se desprazou ao campo de regatas para presenciar como os seus compañeiros adestraban para as regatas desta fin de semana.
Durante a fin de semana, a súa intención é competir na terceira das oito series da liga Española de 6 Metros.
Esta é a undécima visita do rei emérito a España desde que fixou a súa residencia en Abu Dabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos, en 2020 debido aos escándalos fiscais sobre as súas actividades económicas presuntamente irregulares. Nesta ocasión, aterrou o martes no aeroporto de Santiago e non no de Vigo, pechado temporalmente.
Nas súas visitas, o monarca, ademais de gozar do seu deporte favorito, a vela, adoita acudir a diferentes restaurantes. Entre eles, estivo recentemente en Culler de Pau, tamén no Grove, ou no Ribadomar (Cambados), xunto a varios membros da súa familia.