Este luns comezan novos cursos de español gratuítos para que inmigrantes poidan solicitar a nacionalidade española
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra organiza na aula CEMIT do seu Edificio Administrativo un curso de español gratuíto para que inmigrantes poidan superar as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española.
A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, inaugurará o luns 20 de maio, ás 16:00 horas, esta acción formativa na que van participar máis de 20 persoas de Brasil, Estados Unidos, Filipinas, Ghana, Marrocos, Siria e Ucraína.
O obxectivo deste curso, que será impartidos pola docente Aida Gamallo Fernández e se estenderá ata o 5 de xuño, é facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a
súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.
As persoas que van participar saben ler e escribir, atópanse en situación regular en España, son maiores de 16 anos, teñen coñecementos básicos da lingua española e están empadroadas en Marín, Meis, Pontevedra, Soutomaior, Valga e Vilagarcía.
Os cursos completaranse, ademais, cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.
Este ano a Deputación de Pontevedra impartirá cursos de español gratuítos para un total de 60 persoas inmigrantes, tanto en Vigo como en Pontevedra. No 2023 foron 48 as persoas formadas pola institución provincial, das que 44 se presentaron ao exame e 36 aprobaron. Por nacionalidades, a maioría procedían de Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.
Relacionadas:
-
Boa Vida oferta 25 formacións para contribuír á inclusión
Por Oskar Viéitez |
-
A comunidade estranxeira en Pontevedra bate récord e xa roza as 5.400 persoas
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de mil novos habitantes elevan de novo a Pontevedra por riba dos 84.000 veciños
Por Alejandro Espiño |
-
Persoas que cursaron estudos superiores fóra de España reclaman a homologación dos seus títulos para poder exercer
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
37 estudantes de 15 países completan o curso universitario no campus en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |