Conclúe a reforma da ponte de Pedre na que se accidentou un autobús na Noiteboa de 2022
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As obras de reforma da ponte de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, no que se accidentou un autobús na Noiteboa de 2022 causando sete falecidos, concluíron este xoves.
Tras a retirada dos semáforos de regulación e dos elementos de sinalización, quedarán abertos esta mesma tarde os dous carrís de circulación.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, aproveitou para mandar unha mensaxe de solidariedade e recordo para as vítimas do accidente e as súas familias e agradeceu de novo o traballo de todo o persoal de emerxencias que participou no rescate.
O investimento nesta actuación foi de 1,10 millóns de euros, lembrou Losada.
Os traballos consistiron no reforzo dos elementos de contención coa construción de peitorís de formigón, a mellora dos pasos peonís laterais, a ampliación do ancho da ponte, a impermeabilización das xuntas de dilatación e a renovación da capa de rodadura.
A esta obra, o Goberno prevé sumar o asfaltado integral de case 18 quilómetros da N-541, a estrada que atravesa esta ponte, entre Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.
Este vial, segundo Abel Losada, "como todos os da nosa provincia e os de Galicia acumulan un enorme déficit de mantemento desde fai máis dunha década que temos que resolver".