VÍDEO.- Alertan da presenza dun buraco profundo con auga preto do parque infantil en Lourizán
Por Anxo Lourido
Residentes na contorna da Praza da Igrexa en Praceres, na parroquia pontevedresa de Lourizán, advirten da presenza dun buraco de grandes dimensións que se atopa na proximidade do parque infantil.
Segundo sinalan, a abertura é consecuencia dunha cata realizada nun regacho por operarios de Viaqua, empresa adxudicataria do servizo de abastecemento de augas en Pontevedra.
O buraco atópase situado nas proximidades á igrexa de Praceres e a veciñanza sinala que só uns valos plásticos rodean o orificio de notables dimensións. Alertan tamén de que a auga chegou a ascender ata unha altura de dous metros dentro do oco converténdose nun pozo profundo.
Ante esta situación, demandan unha solución inmediata para evitar calquera incidente que se poida chegar a producir se un menor de idade accede de maneira accidental a esta fenda.
Ademais, os veciños indican que a Rúa do Santo continúa rexistrando inundacións de auga, o última este mesmo venres 26 cando subiu o nivel de auga, saltando os sumidoiros e mesturándose as augas pluviais coas residuais. Indican que o Concello de Pontevedra continúa sen atender as súas demandas ante un problema que se repite coas choivas.