Usar a banca dixital e aprender a facer a Renda, entre as ofertas de cursos gratuítos na Aula CeMIT de Cuntis
Por Redacción
A aula CeMIT de Cuntis establece unha ampla programación de cursos e de servizos gratuítos durante o mes de maio, cun total de setenta horas.
Están previstas sesións de impresión en 3D entre o 6 e o 9 de maio: Do 13 ao 16 do mesmo mes está previsto un curso teórico e práctico de 'SketchUp', unha aplicación para crear modelos tridimensionales.
Tamén se ofrece outro curso de atención tecnolóxica para resolver dúbidas sobre o uso de tablets, computadores ou teléfonos intelixentes. Será unha proposta que se desenvolva os días 6, 8, 13, 15, 20, 22 e 27 en horario de 12.00 a 14.00 horas. Nesas mesmas datas, entre as 18.00 e as 20.00 horas, desenvolverase unha sesión sobre o uso da banca dixital.
Os sábados centrarase a actividade en clases de utilización de smartphones, de 10.00 a 12.00 horas.
Os días 18 e 25 presentarase unha actividade destinada a público infantil con propostas básicas de programación informática. O 4 e o 11 centrarase en sesións sobre realidade virtual para persoas adultas.
O mércores 22, de 12.00 a 13.00 horas, ofrecerase unha sesión específica sobre a campaña da declaración da renda deste ano. O luns 27 ofrécese un curso sobre consumo intelixente.
Ademais, a aula CeMIT acollerá seminarios da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) os días 6, 13 e 20 con sesións sobre economía circular e origami a nivel introdución e principiantes, respectivamente.
As persoas interesadas teñen a opción de contactar coa aula CeMIT a través do teléfono 683.147.165 ou polo correo: cemit.cuntis@xunta.gal.