O BNG de Poio propón a restauración ambiental da praia de Cabeceira
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do BNG no Concello de Poio solicita ao goberno local que inicie os trámites pertinentes para poder "realizar os traballos de restauración ambiental necesarios para a recuperación e protección da praia de Cabeceira".
A iniciativa dos nacionalistas xurde despois da actuación municipal da tala das árbores realizada neste areal o pasado día 11 de marzo, en terreos de titularidade de Costas do Estado.
O Concello tallou as árbores seguindo as recomendacións dos técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, despois de que caese un eucalipto o pasado 18 de setembro sobre a caseta das mariscadora, cortando os dous carrís da estrada provincial EP-0602.
Diante deste "cambio paisaxístico e medio ambiental negativo neste areal", o BNG presentará unha moción no próximo Pleno na que propón que se planten especies autóctonas fomentando a rexeneración forestal deste lugar que agora "nada ten que ver co anterior" e deixa boa parte da praia sen sombra.
"Unha iniciativa que vai permitir a recuperación deste espazo natural e reparar os danos ao tempo que potenciamos a especie autóctona galega que forma parte do noso paisaxe natural", asegura o BNG de Poio.
PASARELA
O Concello de Poio está reparando a pasarela de madeira da praia da Cabeceira, en Lourido. Os traballos, que quedarán rematados entre hoxe e mañá, inclúen a reposición de todas as pezas de madeira danadas así como da varanda metálica que hai no acceso, rota trala caída dunha árbore.
Esta pasarela de madeira permite un itinerario accesible para as persoas con mobilidade reducida desde o paseo marítimo ata a praia, e tamén é unha vía de entrada e de saída para as mariscadoras que faenan no lugar. Tras os temporais de finais de outubro e novembro pechouse por precaución, xa que provocaron uns danos importantes que afectaban á
estrutura da pasarela. A reparación da pasarela era prioritaria, pero desde o concello explican que fíxose necesario esperar á tala das árbores que supoñían un risco evidente de caída, para asegurar que non ocasionaban danos novos na estrutura.