Poio realiza tarefas de conservación na ponte da Reiboa e a praia de Cabeceira
Por Redacción
A pasarela peonil da Reiboa é o espazo público onde estes días están a realizarse traballos de conservación por parte do Concello de Poio a fin de garantir a seguridade das persoas.
Neste lugar concreto están a substituírse as madeiras da ponte deterioradas, que presentaban mesmo risco de rotura, por outras novas que incorporan tratamento especial para exteriores que as fan máis resistentes e antiescorregadizos.
Doutra parte tamén se está procedendo á retirada das árbores que presentan risco de caída na praia de Cabeceira, na parroquia de Lourido, e onde hai uns meses xa caeu un eucalipto sobre a caseta das mariscadoras.
A actuación municipal realízase unha vez que Costas do Estado autorizou a retirada de árbores nos terreos da súa titularidade, e de acordo ás recomendacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Esta actuación resultaba urxente dado o risco que pode supoñer para a actividade das mariscadoras, que esta semana volven á praia de Cabeceira, do mesmo xeito que para os viandantes e usuarios das praias e deste paseo.