Recoñecemento á "adicación altruísta e xenerosa" dos radioafeccionados de Pontevedra
Por Natalia Puga
As persoas radioafeccionadas e voluntarias da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) en Pontevedra recibiron este luns unha homenaxe na Subdelegación do Goberno. En concreto, catro persoas reuníronse co subdelegado, Abel Losada, que lles entregou un diploma en recoñecemento á súa actividade e colaboración desinteresada.
O subdelegado puxo en valor a "adicación altruísta e xenerosa ao servizo público" das catro persoas galardoadas: Mónica Caldas, que leva na rede 10 anos; Luís Rubio, 15 anos; Eliseo García, 30; e Luís Losada, 40 anos.
Estas distincións, en palabras de Losada, "non son unha simple acreditación dos anos de dedicación, senón un diploma que acredita que hai persoas que dedican parte das súas vidas, dos seus esforzos e do seu tempo aos demais".
Losada destacou importancia do labor de todos os integrantes dunha rede en sentido dobre, "de persoas, e de seguridade" e agradeceu o servizo prestado altruístamente polas 53 persoas que integran a rede na provincia.
Así, destacou que a sociedade sempre debe ter "un plan B por se as cousas que non deben fallar acaban fallando" e que "oxalá non fixera falta ningún sistema de Protección Civil, pero é unha gran tranquilidade saber que existen e que hai xente que, sen ningunha retribución económica, traballa en beneficio da comunidade e está aí".
En tempos da internet, esta rede segue sendo moi importante, pois "Internet xa ten demostrado que non é infalible" e "cando falla, aí están os radioafeccionados e radioafeccionadas, para que as cousas vaian ben, mesmo cando van mal".
A xefa da Unidade de Protección Civil en Pontevedra, Natalia del Caño, os coordinadores da REMER na provincia, Ismael Rodríguez, Juan Jesús Taracido e Hortensia Rodríguez, e os xefes de zona, Marcelino Vázquez e Leopoldo Chousal, tamén participaron na entrega dos recoñecementos.