Un total de 121 condutores e pasaxeiros foron denunciados na provincia por non levar posto o cinto de seguridade
Por Oskar Viéitez
Un total de 121 condutores e pasaxeiros foron denunciados na provincia de Pontevedra por incumprir a normativa en materia de uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI).
Son os datos que arroxa a última campaña de vixilancia sobre o uso do cinto de seguridade e os SRI que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) realizou entre o 11 e o 17 de marzo. Neste prazo, foron controlados no conxunto da provincia 5.470 vehículos.
O número de denuncias pola non utilización do cinto de seguridade foi de 118, afectando a 77 condutores, a 28 pasaxeiros dos asentos dianteiros e a 13 pasaxeiros dos traseiros. En canto aos sistemas de retención infantil, denunciáronse 3 casos nos que os menores non facían uso dos SRI ou que o facían de maneira incorrecta; 2 nos asentos dianteiros e 1 nos traseiros.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, sinalou que "parece sorprendente, pero hai que seguir insistindo na necesidade de facer uso destes elementos de seguridade".
A nivel nacional o 76% de todas as denuncias foron postas en estradas convencionais, ascendendo no caso da provincia de Pontevedra a un 97,5%, un feito "preocupante" valorou o subdelegado tendo en conta que "estas vías seguen sendo as máis perigosas ao ser onde maior número de vítimas mortais se rexistran e onde convén, aínda máis, extremar as precaucións ".
No conxunto de España, 5.524 adultos foron sancionados por non utilizar o cinto de seguridade, unha cifra que se viu lixeiramente incrementada con respecto á anterior edición desta campaña e que supón que 3.043 condutores, 1.270 pasaxeiros dos asentos dianteiros e 1.211 dos traseiros non viaxaban debidamente protexidos nos seus vehículos en caso de sufrir un sinistro de tráfico.
Está demostrado que o cinto de seguridade, ademais de reducir nun 50% o risco de falecer nun sinistro de tráfico, protexe de saír despedido do habitáculo, así como de impactar contra o parabrisas. En centro urbano, a posibilidade de resultar ferido grave ou morto é 5 veces menor se o ocupante do vehículo leva posto o cinto de seguridade.
No caso dos nenos, a utilización dos sistemas de retención infantil é aínda máis importante xa que os datos demostran que nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais teríanse evitado se se utilizasen os sistemas de retención obrigatorios. Ademais, en caso de sufrir un sinistro de tráfico, as lesións redúcense ata nun 75% cun uso adecuado dos mesmos.