![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c50/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK1UqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQyUlNK9EpyS9Qsq4FAA==_/660c221d8f-fondo-galego-de-cooperacio-n-cuntis.jpg)
© Concello de Cuntis
O Fondo Galego de Cooperación analiza en Cuntis os proxectos a desenvolver durante este 2024
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Centro Sociocultural José Raído Patelas acolleu este martes a reunión anual convocada pola Rede Municipalista Solidaria, órgano ao que pertence o Fondo Galego de Cooperación.
Este encontro celébrase unha vez en cada anualidade en cada provincia de Galicia, co obxectivo de facilitar a participación e interacción coas entidades asociadas. Neste caso, foi o Concello de Cuntis quen exerceu de anfitrión, nunha reunión na que estivo presente o alcalde, Manuel Campos, ademais de representantes de diferentes concellos e administracións de Pontevedra.
Con 112 institucións asociadas, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas, para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida, de xeito que se contribúa á plena realización dos Dereitos Humanos Universais. Neste sentido, o alcalde Campos salientou a importancia de acoller esta reunión, que tildou como de moi positiva, e deixou patente o compromiso de Cuntis á hora de adherirse a iniciativas que sirvan para "consolidar unha sociedade galega máis sensibilizada e concienciada".
A reunión de traballo serviu para facer un balanzo de todas as actividades e accións desenvoltas ao longo do ano 2023. Ademais, tamén se trazou unha folla de ruta e un plan para continuar neste exercicio vixente. "Recolléronse tamén suxestións e propostas, como paso previo á celebración da Asamblea do Fondo Galego", explicou Campos, que agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación a elección de Cuntis como escenario para esta reunión.