Queixas veciñais en Raxó pola instalación de tubaxes que desembocan na beirarrúa
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a2d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66047242ce-001.jpg)
© Raxó Existe
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/28f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/660473708f-417696293_10227910612023588_2312241034702062893_n.jpg)
© Raxó Existe
A instalación dunhas tubaxes de pluviais que emanan a auga cara á PO-308 na avenida de Portería en Raxó está a provocar o enfado da veciñanza.
Os residentes na zona denuncian que estas tubaxes pertencentes a unhas obras que se acometen nun aparcamento privado carecen de conexión á rede de pluviais e desembocan nun noiro ou directamente nas beirarrúas.
O colectivo Raxó Existe tamén sinala que as canalizacións foron cubertas cun pouco de terra por riba para disimular o desaugadoiro na vía pública.
Esta situación convértese en problemática principalmente cando durante estes días as choivas arrastran terra e as beirarrúas convértense nunha lameira, segundo afirman os veciños da contorna da PO-308 ao seu paso polo lugar de Outeiro en Raxó.
A través do partido veciñal Movemento X Poio presentouse esta semana unha reclamación no Concello preguntando polas obras que se están realizando neste espazo e que permisos foron concedidos polo goberno municipal.
Piden información sobre a existencia dunha licenza municipal para executar as obras, reclaman datos sobre quen é o promotor das obras e sinalan que se estes traballos carecen de licenza sexa decretada a inmediata paralización por parte do alcalde.