Poio poñerá o nome de veciños "moi queridos" a dous viais de Raxó
Por Oskar Viéitez
Dous viais de Raxó levarán, por iniciativa popular, o nome de veciños "moi queridos" da parroquia.
Unhas solicitudes impulsadas por veciños que veñen acompañadas de máis de 300 sinaturas e que propoñen que a actual "segunda Travesía da praia", que une a rúa Doutor Clemente Echevarría Novoa e a Rúa da Praia, pase a denominarse "Rúa de Lalo e Aurita"; e o vial que une a rúa Lameiriña coa Avenida da Toxa (PO-308), á altura do nº 35, actualmente sen nome, que adopte a denominación "Travesía Gonzalo Rodríguez Sanín".
Estas propostas aprobaranse no pleno ordinario de marzo.
Segundo explica a edil de Urbanismo, Rocío Cochón, a iniciativa e o respaldo popular para estas solicitudes demostra "a gran pegada que deixaron estes veciños na vila" pero tamén "que Raxó non esquece os homes e mulleres que o fixeron", como é o caso das persoas homenaxeadas.
Eduardo Agís Fernández (Lalo) e Aurea Besada Sanmartín (Aurita) foron un matrimonio de Raxó que, partindo de orixes humildes e de necesidade, conseguiron mellorar economicamente e axudar a boa parte da veciñanza de Raxó. Cunha longa traxectoria no mar, que levou a Lalo a ser o patrón de baixura máis novo de España e a capitanear varias embarcacións, durante moitos anos rexentaron o afamado "Casa Verísimo", lugar de referencia gastronómica e social da comarca grazas á mestría na cociña tradicional de Aurita.
Gonzalo Rodríguez Sanín era natural de Samieira e tamén foi mariñeiro de mozo. En 1991, e xa casado con Carmen, fundou, ao pé da estrada PO-308, o Mesón Lameiriña, adicado a ofrecer aos seus clientes o mellor produto da ría. Ao longo de 33 anos, conseguiron converter este establecemento nunha referencia gastronómica para toda a comarca, acompañados dos seus tres fillos, Gonzalo, Cristina e Carmen María.
Case un ano despois do seu pasamento, os alicerces que asentou fan que o Mesón Lameiriña siga a ser unha referencia gastronómica na contorna nas mans da súa familia, e tamén que a súa figura siga a ser recordada como un "hostaleiro queridísimo, persoa afable e veciño exemplar".
Unha vez aprobado polo pleno, o cambio comunicarase a institucións, organismos e empresas de servizos públicos así como ao INE. Posteriormente instalaranse as placas coas novas denominacións e facilitaranse todos os trámites aos residentes a custo cero.
Ademais, despois da tramitación destas dúas peticións rexistradas en 2023, o Goberno local proporá regular os criterios e procedementos para a denominación de vías por iniciativa popular.
MELLORA DE FIRMES
O Concello de Poio destinará 68.949,88 euros do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra para mellorar o firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados.
O proxecto contempla a demolición do pavimento actual e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse, o que permitirá mellorar a seguridade e integrar a zona e poñer en valor toda a contorna.
Esta vía municipal, que transcorre de xeito paralelo á PO-308, dá moito servizo a toda a zona de San Salvador e, polo tanto, hai un tránsito elevado de vehículos.
Relacionadas:
-
A reforma da 3ª Travesía da Seara acometerase con fondos da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
66.000 euros do Plan +Provincia permitirán mellorar Costa de Arriba
Por Redacción |
-
Queixas veciñais en Raxó pola instalación de tubaxes que desembocan na beirarrúa
Por Anxo Lourido |
-
O pleno de Poio acorda por unanimidade actualizar as ordenanzas do Plan Xeral
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Poio vixía que os condutores respecten os semáforos
Por Redacción |
-
Un recoñecemento extraxudicial de crédito permitirá ao Concello pagar as catro facturas que debe polo muro do Xuviño
Por Oskar Viéitez |
-
Un motorista sofre un accidente e resulta ferido ao intentar esquivar un xabaril
Por Redacción |
-
Un pitbull que atacou unha señora hai dúas semanas mata un gato en Raxó
Por Natalia Puga |