O Concello estudará as "novas posibilidades" que se abren para a zona da Ponte do Couto onde había un asentamento chabolista
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra valora coma un "bo final" a resolución xudicial que obriga ao desmantelamento da zona de acopio e acumulación de residuos situada na Ponte do Couto, onde durante moitos anos houbo un asentamento chabolista.
O concelleiro de Sostemento, Xaquín Moreda, compareceu este luns para dar conta das últimas novidades ao redor desta parcela situada na rúa Otero Pedrayo, fronte o albergue público de peregrinos e ao carón da Ponte do Couto.
Así, o edil lembrou que ao longo dos últimos anos o Concello amosou a súa "preocupación" por este asunto, "por cuestións medio ambientais e mesmo estéticas", ao ser o lugar unha das zonas de entrada da cidade e principal acceso á Boa Vila para o Camiño de Santiago.
Deste xeito, Moreda sinalou que existía un proceso administrativo aberto, un expediente disciplinario pola presencia de maleza e residuos no lugar, que chegado o momento derivou nunha sanción administrativa en forma de multa coercitiva ao propietario do terreo. "Este propietario contactou co Concello e mantivo conversas para explicar que tiña aberto un proceso xudicial para poder solucionar o asunto, polo que o tema foi ralentizado para que puidese avanzar na problemática até chegar a unha resolución xudicial definitiva", explicou o concelleiro.
"Finalmente, en xaneiro do 2024 houbo un acordo no xulgado onde se lle daba o prazo dun mes á xente que estaba a facer uso desta parcela para desaloxala, tal e como semella que se fixo ao longo destes días", engadiu o edil.
Xaquín Moreda sinalou que este foi un proceso no que o Concello "utilizou os mecanismos que dispoñía a man", abríndose agora unha nova porta de futuro para este espazo e as súas proximidades. "Miraremos o que se pode facer de agora en diante xa que é unha zona con moitas posibilidades", indicou.
"O paseo do Gafos está preto e é posible que puidera ter continuación. Estudarémolo. Podemos ver xa con outros ollos o lugar e pensar no futuro" dixo o concelleiro que lembrou que neste espazo hai varias parcelas "non só a que estaba ocupada pola chatarra".
Relacionadas:
-
Un incendio de madrugada queima masa forestal e chatarra na zona de Ponte do Couto
Por Natalia Puga |
-
Alumnado da Universidade da Coruña prepara un proxecto para a recuperación paisaxística do Muíño do Coto
Por Oskar Viéitez |
-
Intervención de limpeza en Otero Pedrayo na madrugada do xoves
Por Redacción |
-
Cruz Vermella organizou unha recollida de lixo na contorna urbana do río Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
O desaloxo do asentamento de Ponte do Couto: dúas sentenzas concluíron que estaba "en precario"
Por Natalia Puga |
-
Desmantelan parte do asentamento chabolista de Ponte do Couto
Por Natalia Puga |