Avanza a construción da nova nave de almacenamento de residuos en Sanxenxo
Por Redacción
A ampliación do Punto Limpo de Sanxenxo avanza coa construción da nova nave de almacenamento de residuos que terá unha superficie de 144,00 metros cadrados, cuberta a unha auga, estrutura metálica, con material de cubrición e dous laterais de chapa nervada sinxela.
Ademais, compraranse novos contedores e un computador para o control do funcionamento do punto limpo. O investimento que roldará os 160.000 euros financiarase con fondos propios e unha subvención europea do Plan de Recuperación Next Generation.
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Yago Torres, visitaron as obras que se están executando e que "supoñerá unha importante mellora no almacenamento de residuos cuxa exposición ao sol e á auga teñen efectos prexudiciais para a súa reciclaxe e valorización".
Así mesmo, procederase á compra de contedores para as distintas fraccións de residuos que permitirán unha recollida separada das fraccións de téxtiles e residuos domésticos perigosos.
A actuación conta con materiais e equipos que contan coa categoría de verde ou ecolóxica acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sostibles. A cuberta proxectada é lixeira e facilmente desmontable sendo os seus materiais desde a cimentación, estrutura e material de cuberta reciclables.
A parcela dispón na actualidade dunha superficie aproximada, de 14.913,77 metros cadrados, dispón no seu interior dunha zona con contedores para depósito de residuos, unha caseta de control e zonas para almacenamento ao aire libre de contedores. Todos os veciños con domicilio no municipio de Sanxenxo, que faciliten os seus datos na recepción, poderán utilizar o punto limpo de maneira gratuíta. O horario é de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Os sábados de 10:00 a 13:30 horas.
Relacionadas:
-
A recollida porta a porta de residuos orgánicos aos grandes produtores de Sanxenxo está a ter un 0% de impropios
Por Oskar Viéitez |
-
A programación estival de Sanxenxo contará con dúas novas feiras
Por Oskar Viéitez |
-
O orzamento de Sanxenxo crece ata os 45,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Investimento de 160.000 euros para ampliar o Punto Limpo de Sanxenxo
Por Redacción |