Pontevedra acolle o vindeiro mércores o I Foro Local da Axenda Urbana
Por Redacción
O Teatro Principal acollerá o vindeiro mércores 20 de marzo o I Foro Local da Axenda Urbana, onde participarán relatores de primeiro nivel no ámbito das políticas públicas, planificación territorial e desenvolvemento urbano.
Os expertos porán en común as súas ideas sobre o futuro do desenvolvemento urbano, a relación entre a Axenda Urbana e a planificación territorial urbana e como ambas esferas poden complementarse para garantir o dereito da cidadanía a desfrutar dun entorno ben organizado, inclusivo, seguro, resiliente e sostible.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, será o encargado de abrir o foro ás 10:00 horas cos retos e obxectivos que ten marcados a cidade para os próximos anos. Despois, ás 10:15 horas, Sonia Hernández Partal, subdirectora adxunta de Políticas Urbanas no Ministerio de Transportes Mobilidade e Axenda Urbana, falará do futuro das Axendas Urbanas Locais.
O congreso continuará coa ponencia de Luis Pedro Arechederra Calderón, conselleiro técnico da Subdirección Xeral de Desenvolvemento Urbano no Ministerio de Facenda, quen tomará a palabra a partir das 11:00 horas para falar sobre a vinculación das Axendas Urbanas cos fondos estruturais e o futuro do desenvolvemento urbano sostible.
Despois da pausa para o café, o foro arrancará de novo ás 12:15 horas coa perspectiva do desenvolvemento urbano no novo marco, da que falará Valentina Corsetti, responsable de cuestións urbanas e territoriais.
Entre as 12:30 e as 13:45 horas celebrarase a mesa de participación sobre cidades sostibles, onde se porá en común a innovación tecnolóxica para a transición cara a cidades climaticamente neutras, da man de Patricia Molina Costa, doutora en Urbanismo e arquitecta e directora da área Cidades, Territorio e Medio Ambiente, e a intersección da Axenda Urbana co territorio, explicada por Teresa Táboas, arquitecta e vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos.
A clausura será ás 13:45 horas da man de Anabel Gulías, concelleira da área de Promoción da Igualdade, do Benestar, da Saúde e da Economía do Concello Pontevedra.