O sector da construción prepárase para unha folga en defensa das condicións de traballo
Por Redacción
Os traballadores e traballadoras da construción da provincia de Pontevedra están a amosar nas asembleas que organiza a CIG, central sindical maioritaria no sector, a súa disposición a convocar unha folga para reclamar a suba salarial pactada coa patronal provincial no convenio colectivo e cuxo acordo o empresariado estatal impugnou xudicialmente.
Explican fontes da central sindical que se lograra deixar fóra deste acordo o plan de pensións privado "que as cúpulas patronais e sindicais españolas pretenden impoñer", o que motivou a súa impugnación nos xulgados por parte da patronal estatal.
Precisamente a CIG participara na mesa negociadora do plan para demandar que o plan de pensións fose voluntario, de xestión pública, con apoio gobernamental para garantir os seus fondos e que as achegas non supuxesen unha redución salarial para o persoal.
"Esta ofensiva da patronal estatal fixo decaer un convenio que establecía melloras nas condicións laborais e nos salarios, polo que lle propuxemos á patronal de Pontevedra a suba de soldos fixada no estatal para o 2024 (2,75%) e un plus a maiores para chegar ao incremento que xa pactaramos e nos tombaron", sinalan dende a CIG-Construción.
Ademais de defender que as achegas ao plan de pensións dos anos 2022, 2023 e 2024 teñan que correr a cargo das empresas e non dos cadros de persoal. "Pois ben, a patronal ofreceunos única e exclusivamente un pago de 280 euros por traballador e traballadora non consolidábel en táboas, o que consideramos unha auténtica burla", engaden.
Por iso a central sindical decidiu poñer en marcha un calendario de asembleas para abordar a situación cos traballadores e traballadoras do sector na provincia, nas que se está a apostar pola convocatoria de folga en defensa das condicións de traballo.
"Están atacando o noso convenio, o noso salario, a nosa dignidade; dende 2011 os convenios estatais prevalecen sobre os provinciais, e no caso da construción resérvanse todas as materias importante a tratar; o convenio de Pontevedra ten mellores condicións ca o estatal, pero até o de agora dende Madrid non interferían nos nosos acordos; mais nesta ocasión atopámonos co plan de pensións, que non queren negociar e cuxos fondos pretenden que saian dos nosos petos para seren xestionados dende as cúpulas da patronal e dos sindicatos CCOO e UGT a través da banca privada", rematan dende a CIG-Construción.