Convocan a segunda edición dos premios #MulleresQueOpinan
Por Redacción
A cinco días de que comece a sétima edición do foro "As Mulleres que Opinan son Perigosas", que terá lugar os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, a Deputación e o Concello de Pontevedra acaban de publicar as bases da segunda edición dos Premios #MulleresQueOpinan, que buscan promover o exercicio da opinión xornalística por parte de mulleres profesionais do xornalismo e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras.
Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, que se publicarán ademais nos principais xornais da provincia de Pontevedra.
Poderán presentarse aos Premios #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente (de maneira virtual ou presencial) e tamén sobre calquera tema que se trate no congreso, tanto nos relatorios como nas roldas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro e que se inspire neste para escribir opinión.
Os artigos presentados, que deben ser orixinais, deben contar cun titular e corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubran as xornadas do foro e publiquen os seus textos nos medios que traballan. As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, abrirá o 18 de marzo e pechará o 8 de abril.
FORO "AS MULLERES QUE OPINAN"
"As mulleres que opinan son perigosas" celebrarase este ano entre os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra e contará con relatoras de gran prestixio no sector do xornalismo e a comunicación como Olga Viza, Lucía Mendez ou Mariola Cubels. Os actos comezarán o venres 15 en horario de mañá coa inauguración do foro e os dous primeiros relatorios e continuará pola tarde con outras catro conferencias.
O programa continuará o sábado 16 con tres novas charlas a partir das 12 horas e concluirá pola tarde, despois doutras tres conferencias ás que lle porá o broche de ouro Olga Viza cunha intervención sobre a información deportiva desde un punto de vista feminino.
Relacionadas:
-
A Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos, renovan o compromiso co Centro de Información á Muller por outros catro anos máis
Por Redacción |
-
Arranca 'As mulleres que opinan son perigosas', un "espazo de resistencia feminista" que cada ano segue crecendo
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
'A viaxe da nosa vida', concerto en Ribadumia para reivindicar as mulleres compositoras
Por Anxo Lourido |
-
Olga Viza, Lucía Méndez, Jazmín Abuín e Patricia Fernández de Lis serán "opinadoras perigosas"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |