'A viaxe da nosa vida', concerto en Ribadumia para reivindicar as mulleres compositoras
Por Anxo Lourido
Este domingo 17 de marzo ás 20.00 horas, o Auditorio de Ribadumia acollerá un concerto dentro das conmemoracións con motivo do 8M.
Baixo o título de 'A viaxe da nosa vida', a Banda de Música Municipal de Ribadumia, dirixida por Lara González Cortés, ofrecerá unha sesión na que se conecta a creatividade e a influencia das mulleres compositoras.
A idea é ofrecer unha visión sobre a diversidade cultural con traballos de distintas creadoras con notas que abren fronteiras e que son referentes no panorama musical internacional.
O programa inclúe as pezas 'Bienvenidos a la Noche de San Juan', de Raquel Moyano Mañanes; 'La memoria silenciada', de María José Belenguer; 'La Odisea', de Sara Galiana Sola; e 'Luisa Font', de Andrea Picou Font.