Comezan as obras para transformar a antiga casa do conserxe do colexio Santa Lucía nunha aula multifuncional
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A primeira fase das obras de acondicionamento da antiga casa do conserxe do CPI Plurilingüe Santa Lucía, en Moraña, para a súa conversión nunha aula multifuncional xa están en marcha grazas a unha achega de 30.000 euros da Consellería de Educación.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, visitou a execución destes traballos, que consisten no cambio de tellado, dotación de illamento integral, derrubo de tabiques para a conformación dun espazo diáfano, reforzo da estrutura e instalación de carpintarías.
O rexedor local anuncia que, tras a conclusión destas obras, emprenderá unha nova negociación co Goberno galego para rematar coa preparación desta instalación e que poida acoller actividade lectiva complementaria para os preto de 400 alumnos deste colexio público.
Sito Gómez expresou o seu convencemento de que o departamento autonómico "volverá a amosar a súa sensibilidade con Moraña para que poidamos completar esta reforma e gañar un importante espazo lectivo".
Neste senso, o alcalde explicou que a súa folla de ruta pasa por xestionar unha nova achega nas próximas semanas co obxectivo de que a segunda e derradeira fase se poida executar entre a primavera e o verán para que a nova aula multifuncional poida usarse desde o inicio do curso 2024/2025.