Solicitan seis anos de cárcere para un home acusado de abusar sexualmente das súas dúas fillastras
Por Redacción
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 18 de febreiro un home que está acusado de abusar sexualmente das súas dúas fillastras, ambas menores de idade.
Segundo o escrito da Fiscalía, o presunto agresor, que responde ás iniciais R.R.D.S., casado coa nai das dúas menores ata a súa separación en 2007, tería comezado os seus abusos sexuais coa maior das dúas nenas.
Entre 1999, cando a menor tiña tan só doce anos, e 2002, realizáballe "de forma libidinosa" tocamentos nos seus peitos, na súa vaxina e no seu cu "aproveitando que se atopaban sós na casa", entrando na súa habitación ou cando estaba no cuarto de baño. Por estes feitos, a nena marchouse en 2002 a vivir coa súa avóa.
Foi entón cando, segundo o Ministerio Fiscal, empezarían os abusos sexuais á súa irmá, que en 2002 tiña tan só dez anos. Durante cinco anos "en datas non determinadas" obrigáballe a ver películas pornográficas na súa compañía e entraba na súa habitación, meténdose en cama con ela.
Estes feitos son constitutivos de senllos delitos de abusos sexuais polos que a Fiscalía solicita para el seis anos de prisión e a prohibición de achegarse ás rapazas, actualmente xa maiores de idade, durante un prazo de tres anos a contar trala súa saída do cárcere.