As mellores investigacións universitarias con perspectiva de xénero terán premio
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e a vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo colaborarán para premiar a aqueles estudantes que incorporen a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster a través de tres galardóns.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, e a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, presentaron a iniciativa este mércores e a edil pontevedresa explicou que os premios nacen coa vocación de "intentar darlle a volta e ir por un camiño distinto" ao que está imperando nos últimos tempos no resto das institucións, pois están desaparecendo todas as iniciativas que premian o traballo en defensa da igualdade, en especial dende o inicio da crise económica.
Carmen Fouces indicou que as distincións nacen cun dobre obxectivo de "fomentar a sensibilización da xente moza e promover a conexión entre a Universidade e a cidadanía". Na súa opinión, "todos os esforzos que se fagan para vincular o campus á cidade e á sociedade son poucos".
A través desta convocatoria, que ambas institucións farán pública nos próximos días, recoñecerase cun premio de 1.000 euros ás tres mellores investigacións que poñan o foco nos factores da desigualdade entre mulleres e homes, dous de fin de grao e un de fin de máster.
Ademais, a Administración local engaderá a esta contía outra suma de 1.000 euros, destinados á posta en práctica das ideas que recollan os proxectos seleccionados, co obxectivo de que estes traballos repercutan na sociedade. Segundo Fouces, a idea é poñer en marcha o proxecto ou, cando menos, "unha experiencia piloto no caso das investigacións que, pola súa envergadura, non sexa posible desenvolvelas ao completo", explicou Carmen Fouces.
Poderá optar o alumnado das diferentes titulacións que se imparten na cidade e Antonia Blanco destacou "a importancia que teñen este tipo de accións para o desenvolvemento do noso traballo académico e investigador, nun ámbito ademais estratéxico para a Universidade, o do fomento da igualdade entre mulleres e homes".
A directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, valorou como "moi importante" unha iniciativa que incorpora a "perspectiva de xénero dun xeito transversal" e que contribuirá a que "a xente nova que actualmente está traballando para entrar no mundo laboral, o faga xa con esa perspectiva, algo moi importante ante para o desenvolvemento da igualdade real".