O subdelegado defende que fixo públicos datos do crime de Chancelas por transparencia
Por Natalia Puga
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, defendeuse este mércores das críticas que lle realizaron os xuíces de Instrución de Pontevedra a raíz da comparecencia que protagonizó para informar sobre as detencións dos supostos autores do asasinato de Secundino P.A. en Chancelas. Reprocháronlle por ser "extremadamente imprudente" e el responde que saíu ante os medios de comunicación en aras da transparencia que debe imperar na actuación de todas as institucións públicas.
Coello respondeu ás acusacións dos xuíces ao término da Xunta de Seguridade de Baiona. Tras manifestar o seu "máximo respeto a las resoluciones del poder judicial, a los miembros del poder judicial", quixo aclarar que, no seu caso, convocou a roda de prensa na que deu detalles do crime de Chancelas "consciente" da importancia de dar "información transparente para todos".
En opinión do subdelegado, esta é "una premisa que todas las instituciones responsables tienen la obligación de aplicar cuando hay una opinión pública en la que existe una determinada inquietud como fue en el caso que nos ocupa", en alusión a que a morte deste veciño de Chancelas de 84 anos xerara alarma social.
Ademais, aclarou que "cuando se convocó la rueda de prensa al filo de las siete y media ya se habían producido todas las detenciones". A comparecencia convocouse ás 18.38 horas e o subdelegado falou ás 19.30 horas. Fontes consultadas aseguran que cando se citou aos medios para que acudisen á Subdelegación do Goberno aínda non se deran por culminados os tres arrestos nin se dera conta dos mesmos ao xuíz instructor, Xermán Varela.
A información solicitada indica, ademais, que aínda quedaban outras dilixencias pendentes relativas aos tres detidos e a queixa dos xuíces refírese, en concreto, a que Coello revelou o contido dunhas dilixencias xudiciais "mentres estas aínda están sendo desenvoltas e sen comunicación algunha cos responsables xudiciais".
Os xuíces recordan que a información sobre unhas dilixencias de investigación pode supoñer afectar aos dereitos das persoas relacionadas cos feitos. "Esas persoas poden verse sometidas a un xuízo paralelo innecesario", di o escrito. Ademais, engaden que a información dada sobre unhas dilixencias que aínda non terminaron "pode afectar á propia investigación determinando a perda de fontes de proba ou de indicios relevantes para a mesma".
Os tres detidos pasarán este xoves ante o xuíz
DISPOSICIÿN XUDICIAL
Os tres detidos, Rocío G.G., Albertina T.F. e Berlamino G.P., atópanse nos calabozos da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra á espera da súa posta a disposición xudicial. Está previsto que sexan trasladados para declarar ante o titular do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra ao longo da mañá deste xoves 13 de febreiro.
O xuíz mantén o segredo de sumario sobre este caso e os axentes seguen concluíndo as últimas dilixencias antes de pechar o atestado. Un avance do mesmo xa foi remitido ao xuíz e á fiscal que leva o caso.
Relacionadas:
-
O PSOE pide o cesamento do Subdelegado do Goberno por poñer en perigo as detencións do crime de Poio
Por Redacción |
-
Enfado nos xuíces ante a "extremada imprudencia" do Subdelegado ao informar sobre o crime de Chancelas
Por Alejandro Espiño |
-
Deteñen tres persoas polo crime de Chancelas, unha delas herdeira universal do falecido
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez | Creada e actualizada