O PSOE pide o cesamento do Subdelegado do Goberno por poñer en perigo as detencións do crime de Poio
Por Redacción
O deputado socialista por Pontevedra e coordinador dos socialistas galegos nas Cortes, Guillermo Meijón, pide "que se depuren responsabilidades políticas pola imprudencia do Subdelegado do Goberno en Pontevedra ao informar aos medios de comunicación acerca da detención de tres persoas en relación coa morte violenta dun ancián no concello de Poio".
Meijón anunciou que o seu grupo presentou unha iniciativa parlamentaria solicitando que o Goberno cese o actual Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, pola súa actuación neste caso. Así mesmo, pide que o Goberno adopte medidas para corrixir que no futuro se produzan este tipo de condutas.
Deste modo recorda que "non é a primeira vez que existen filtracións dende o ministerio do Interior do Goberno de Rajoy, algunhas protagonizadas mesmo polo propio ministro, Jorge Fernández Díaz".
"Que tome conciencia de que os erros nun ministerio como o de Interior son extremadamente graves"
Neste sentido alude ás filtracións que se produciron dende o ministerio de Interior na última operación levada a cabo pola Garda Civil contra o grupo de interlocutores dos presos de ETA antes de que os axentes practicasen os arrestos. Así mesmo, recordan que o propio Fernández Díaz ofreceu en rolda de prensa detalles sobre unha operación contra os Grapo polo secuestro de Publio Cordón mentres a operación policial estaba aínda aberta. Ademais, en xullo de 2012 revelouse dende Interior con antelación nun medio de comunicación a detención de Juan María Mujika Dorronsoro, acusado de participar no intento de ETA de asasinar en 2001 ao entón presidente do Goberno, José María Aznar.
Meijón lamenta que "o ministerio de Fernández Díaz se está a especializar en poñer en perigo as detencións e investigacións en marcha". Por iso, recomenda ao ministro "que por unha vez actúe con rigorosidade e polo menos neste caso relacionado co Subdelegado do Goberno en Pontevedra se depuren responsabilidades políticas e "se produza o seu cesamento no cargo".
"ÿ inadmisible, considera, que o Subdelegado do Goberno en Pontevedra achegase en rolda de prensa informacións que podían poñer en perigo a investigación en marcha por este crime en Poio"
"Os propios xuíces cualificaron a actuación do Subdelegado do Goberno de extremadamente imprudente", recalca o deputado socialista, que pediu ao ministro "rigorosidade" e "que tome conciencia de que os erros nun ministerio como o de Interior son extremadamente graves".
Relacionadas:
-
O subdelegado defende que fixo públicos datos do crime de Chancelas por transparencia
Por Natalia Puga |
-
Enfado nos xuíces ante a "extremada imprudencia" do Subdelegado ao informar sobre o crime de Chancelas
Por Alejandro Espiño |
-
Deteñen tres persoas polo crime de Chancelas, unha delas herdeira universal do falecido
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez | Creada e actualizada