A "Feira do Verdugo" converterá o pavillón de deportes de Ponte Caldelas nun macro centro comercial
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO), en colaboración co Concello, converterán o pavillón de deportes nun macro centro comercial urbano, durante a fin de semana do 15 e 16 de febreiro, cunha nova edición do salón de oportunidades "Feira do Verdugo 2014" na que a entrada será gratuita.
Os visitantes terán a opción de adquirir produtos ofrecidos por unha trintena de establecementos comerciais do municipio a uns prezos moi rebaixados para a ocasión con descontos que irán desde o 20 ao 50% en moitos dos stands presentes na feira.
Durante a fin de semana, do sábado 15 e domingo 16, as persoas que visiten o pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas poderán coñecer as ofertas en sectores tan distintos como o téxtil, calzado, menaxe, repostería, maquinaria agrícola, sistemas de calefacción, deportes, pesca, caza, mascotas e mundo animal, disfraces, complementos, bisutería, frutería, cosmética, perfumaría, videoxogos, etc.
GARANTÍA DE CALIDADE
Dende a organización insistiron en que todos os produtos da "Feira do Verdugo" contarán con todas as garantías de calidade esixidas pola normativa española e europea en materia de dereitos do consumidor coa vantaxe de que estarán a un prezo especial.