O FOGASA acumula máis de 9.000 expedientes á espera de resolución
Por Anxo Lourido
O sindicato UGT insta o Goberno central a que resolva os problemas de tramitación de expedientes para indemnizar as persoas que acaban de perder o emprego na oficina do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) da provincia. Segundo denuncia esta central sindical, o número de expedientes pendentes de tramitación sitúase en 4.831 nesa oficina situada en Vigo. A esta cifra hai que sumar os 4.388 que foron trasladados a Madrid para ser tratados por un servizo externalizado que executa a empresa Tragsatec e que, segundo denuncia UGT, nestes momentos se descoñece en que situación se encontran.
Actualmente, segundo sinalou o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, débense ao redor de trinta millóns de euros a persoas que perderon o seu posto de traballo nos últimos meses en concepto de salarios pendentes de pagamento, salarios de tramitación e indemnizacións que achega o FOGASA. Durante o ano 2013 resolvéronse na oficina pontevedresa un total de 3.467 casos por unha cifra de 29.605.037 euros.
O sindicato denuncia ademais que esta Unidade administrativa do FOGASA na provincia tarda 18 meses en tramitar os expedientes cando en Ourense ou en Lugo só tarda catro. Ramón Vidal sinala que actualmente 8 persoas traballan nesta Unidade a pesar de que dende 2006 o número de expedientes se incrementou un 500%. Dende UGT afirman que se tería que duplicar o número de traballadores para poder facer fronte ao actual volume de traballo.
Os representantes sindicais organizaron unha concentración para este xoves 13 ante a sede do FOGASA na rúa Venezuela, en Vigo.
Relacionadas:
-
Que hai do meu? Os traballadores preguntan polo diñeiro que lles debe o Fogasa
Por Oskar Viéitez |
-
Un cento de afectados polo atraso de pagamentos do Fogasa concéntranse ante a Subdelegación
Por Redacción |
-
O Ministerio de Emprego reclama cartos a parados que aínda non recibiron o pagamento do Fogasa
Por Redacción |
-
O atraso no pagamento das indemnizacións do FOGASA leva á CIG a convocar protestas
Por Redacción |