Promoven desde Portonovo dúas campañas solidarias
Por Oskar Viéitez
Desde o 15 de febreiro e ata o 27 de abril deste 2024, a Asociación NEEN@S Sanxenxo ten programada unha serie de actividades co fin de completar unha dobre e prolongada campaña, a favor da Síndrome de Angelman e do Trastorno do Espectro do Autismo.
Tanto unha como outra condición atopan o seu punto de unión na realidade xenética que as explica, aínda que cada unha coas súas propias particularidades. Ademais, ambas as realidades aínda continúan sendo descoñecidas pola sociedade en xeral, requiren de diversas terapias e no día a día seguen requirindo de apoio para a súa completa inclusión social.
O programa de actividades abarca desde a procura da implicación de institucións, particulares e entidades diversas, pasando pola organización de charlas informativas no local social da asociación (Rúa A Coruña de Portonovo), difusión en redes sociais, sorteos e dous festivais, "que terán lugar ao longo de máis de dous meses de continua sensibilización e toma de conciencia".
O 15 de febreiro conmemórase o Día Mundial de Angelman e o 2 de abril é o Día Mundial do Autismo, con tal ocasión anímase a visibilizalos coa cor azul.
Os festivais celebraranse na Casa Forestal Social As Canteiras de Noalla, coa participación de agrupacións corais da zona e numerosos artistas.