Camuflaxe da Segunda Guerra Mundial para a fachada dunha urbanización de Monte Porreiro
Por Redacción
Os patróns de camuflaxe óptica que se empregaron nos buques británicos durante a Segunda Guerra Mundial foron a fonte de inspiración de Román Corbato para dar forma a Proxecto Dazzle, o deseño gañador do concurso de ideas para unha intervención artística nunha contorna urbana posto en marcha pola Facultade de Belas Artes e a inmobiliaria Anida.
Dotado cun premio económico de 1.500 euros, este certame buscaba achegar ao alumnado a unha experiencia real de traballo a través do deseño dunha intervención artística que permitise mellorar o aspecto da fachada dunha urbanización de Monte Porreiro e terá como continuidade a propia execución do proxecto, que fará que o deseño de Corbato se converta en realidade nos próximos meses.
A obra presentada por este alumno do Máster en Arte Contemporánea, Creación e Investigación foi a seleccionada polo xurado de entre os tres proxectos presentados a este concurso dirixido ao alumnado de posgrao, o que dá pé agora á segunda fase dunha iniciativa coa que Anida pretende embelecer a contorna dunha promoción inmobiliaria situada na rúa Grecia.
Do mesmo xeito que previamente fixera coa mellora das beirrarúas e a plantación de árbores na zona, esta empresa busca agora converter nunha obra de arte a fachada coa que linda a súa promoción.
Por iso, trala selección da proposta gañadora e de acordo coa comunidade de veciños, esta iniciativa comprende tamén a execución real do proxecto. Dotada cun orzamento de 5.000 euros, esta segunda fase do proxecto levarase a cabo en Monte Porreiro nos próximos meses, cando a climatoloxía o permita. Así mesmo, tamén está previsto realizar unha exposición cos deseños presentados a concurso.