Premio de 1.500 euros á mellor idea para decorar un muro en Monte Porreiro
Por Redacción
Que o deseño dunha intervención artística non quede no papel ou na maqueta, senón plasmada no muro dun edificio é o eixo do concurso de ideas que promoven a Facultade de Belas Artes e a empresa Anida, inmobiliaria do grupo BBVA. Dirixida ao alumnado de posgrao, esta iniciativa centrarase nunha primeira fase en premiar con 1.500 euros ao mellor proxecto artístico deseñado para a súa execución nunha fachada situada a carón dunha promoción da inmobiliaria. Pero o acordo de colaboración asinado entre o centro e a empresa non remata aí, posto que contempla como seguinte paso analizar á viabilidade da proposta gañadora para convertela en realidade.
"Pode ser pintura, poden ser elementos colocados no muro..."; calquera proposta é válida
Como explica o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, este concurso está aberto a todo tipo de ideas para un espazo situado fronte á fachada principal dunha promoción inmobiliaria de Anida no barrio de Monte Porreiro, en Pontevedra. "Pode ser pintura, poden ser elementos colocados no muro..."; calquera proposta é válida, engade, sempre e cando se trate de proxectos que respecten a contorna e o medio ambiente, como se recolle nas bases do certame.
Á fin e ao cabo, como explica a empresa promotora, o que se busca con esta iniciativa é acondicionar ese espazo e contribuír a "mellorar a situación de deterioro existente na zona". Se previamente actuaran nesa liña, de acordo co Concello, renovando beirarrúas e instalando árbores na contorna, agora buscan facelo cunha obra de arte.