Vinte e catro persoas perderon a vida nas estradas da provincia o pasado ano
Por Oskar Viéitez
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra publicou este venres o balance de seguridade viaria da provincia en 2023, ano no que se produciron un total de 22 sinistros mortais nos que faleceron 24 persoas, dado que houbo dous sinistros con dous falecidos en Vilaboa e Cambados.
Estas cifras supoñen 6 falecidos máis que no 2022, pero os mesmos que no período 2018-2020 e un menos que no 2021.
As cifras enmárcanse nun contexto de maior mobilidade, recuperando os niveis prepandemia, dado que aumentaron un 1,2% por cento os desprazamentos en relación co ano anterior e un 2,5% respecto ao 2019. Ademais, a provincia conta cun parque de vehículos que se sitúa nos 782.242 utilitarios e vehículos industriais e un censo que se eleva ata os 609.301 condutores.
O número de feridos graves en accidentes de tráfico foi de 96 persoas, e o de feridos leves de 1.364. O número global de sinistros con vítimas foi de 985, o que supón un lixeiro aumento interanual pero unha baixada de 13,4 puntos con respecto a fai cinco anos.
O balance tamén indica que 20 das 24 persoas falecidas perderon a vida en estradas convencionais, e 4 en vías de alta capacidade. Uns datos que se aliñan coas estatísticas nacionais que apuntan que 3 de 4 falecementos prodúcense neste tipo de vías.
Atendendo á titularidade da vía o 59% dos accidentes mortais rexistrados na provincia de Pontevedra no 2023 producíronse en estradas autonómicas, un 36 % en vías de titularidade estatal e un 4% en vías municipais.
Os usuarios vulnerables falecidos nas estradas da provincia representan o 58% dos falecidos, o que supón un incremento do 30 % con respecto a 2022. No 2023, 7 peóns e 7 motoristas perderon a vida nas estradas pontevedresas. Este incremento débese principalmente ao número de peóns falecidos, xa que no ano 2022 non se rexistrou ningún atropelo mortal. Ademais, ningún ciclista e usuario de ciclomotor perdeu a vida durante o 2023.
En canto ás causas dos accidentes con vítimas mortais, as saídas de vías están detrás da metade dos sinistros mortais, mentres que os atropelos e a colisión frontolateral son a causa do 23% e 13,6%, respectivamente, dos accidentes con perda de vidas.
En relación á tipoloxía dos usuarios falecidos, 15 vítimas eran condutores, 7 peóns e 2 pasaxeiros. A idade media das vítimas na provincia durante o ano pasado foi de 52 anos e o 75% das persoas falecidas eran homes.
En canto á franxa horaria máis perigosa, a maior parte dos accidentes mortais continúan a producirse entre as 07:00 e as 14:00 horas e de luns a venres.
Outubro foi o peor mes de 2023, xa que rexistrou o maior número de accidentes mortais (4) e de vítimas mortais (4), seguido dos meses de xuño e xullo. En xuño houbo 3 accidentes e 3 vítimas mortais e en xullo outros 3 sinistros mortais e outras 3 persoas falecidas. Estes dous meses estivais rexistraron o 25% das vítimas mortais de 2023. Durante o mes de agosto non se produciu ningún accidente mortal.
En relación aos factores concorrentes nos accidentes con vítimas na provincia de Pontevedra, o exceso de velocidade estivo presente no 36% dos accidentes con vítimas mortais e no 23% dos accidentes con vítimas, así como a condución distraída, que causou tamén o 36% dos accidentes mortais e o 27 % dos accidentes con vítimas.
Por último, o balance recolle os datos relativos aos controis que se realizan tras os accidentes nos que se constatou que un 5,7% dos condutores sinistrados habían consumido alcol. A Garda Civil de Tráfico realizou o ano pasado 200.392 alcoholemias, das que apenas o 2.61 % foron positivas. Ademais, realizáronse 3.773 probas de drogas que nun 53,71 % dos casos foron positivos.
Relacionadas:
-
Un taxista dá positivo na proba de alcohol en Raxó despois de impactar contra un camión
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Dúas persoas resultan feridas en Cambados ao saír da vía e impactar contra un poste da luz
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra, a cidade máis cara de Galicia para comprar un garaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Un coche pasa por riba dunha rotonda en Vilalonga levando por diante unha roca ornamental
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide 4 anos de cárcere para unha condutora que causou un accidente mortal en Paxariñas
Por Oskar Viéitez |
-
Tráfico incorpora en Pontevedra un equipo pioneiro para a reconstrución de accidentes que evitará demoras nas investigacións
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un condutor ebrio que carece do carné sae da vía e embiste un coche aparcado
Por Oskar Viéitez |
-
As curvas de Castroloureiro e de Portela, un ano máis, puntos negros da circulación en Cuntis
Por Natalia Puga |