A Deputación ultima un novo plan para dotar de 800 operarios aos concellos da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ultima un plan para dotalos de persoal destinado a obras e servizos prioritarios. Cun orzamento de máis de 3 millóns de euros, o plan permitirá a contratación duns 800 operarios para os concellos de menos de 50.000 habitantes.
Este plan de emprego faise especialmente necesario neste ano, dado que son moitos os bens e servizos municipais que sufriron unha especial deterioración como consecuencia da sucesión de borrascas e temporais nos últimos meses, que causaron estragos en praias, camiños e outros espazos públicos.
O obxectivo da Deputación é facilitarlle ás entidades locais medios humanos para que poidan cubrir necesidades urxentes que, debido á escaseza de recursos, non poden atender cos seus propios medios e entre as que, nesta ocasión, se atopa, precisamente, a reparación de bens e servizos públicos que puideron verse afectados polo mal tempo.
A Administración Provincial transferiralle aos municipios a cantidade precisa para a contratación do persoal e serán os propios concellos os que se encarguen da selección e contratación dos operarios, que se agarda estean xa traballando entre mediados de marzo e comezos de abril.