![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f46/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/65c3614f03-santiago.jpg)
© CPI Santa Lucía de Moraña
O CPI Santa Lucía de Moraña acolle a estudantes e mestres croatas de Erasmus
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e61/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/65c3611da8-combarro-horreo.jpg)
© CPI Santa Lucía de Moraña
O CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña acolle esta semana a tres profesoras e cinco alumnos da escola Osnovna do municipio croata de Belica co fin de coñecer o funcionamento deste centro e do sistema educativo español.
Esta visita enmárcase no proxecto europeo Erasmus +, ao que pertence o colexio morañés desde 2014 e que lle permite intercambiar experiencias sobre o ensino con centros educativos de diferentes países europeos.
Neste tipo de estancias, mestres e estudantes dos centros participantes coñecen costumes, lugares e centros educativos de distintos estados a través de diferentes actividades. De feito, os alumnos adoitan aloxarse nos fogares de estudantes do centro de acollida que participan no programa Erasmus+, o que contribúe a enriquecer a experiencia de aprendizaxe internacional.
No caso da visita dos docentes e do alumnado de Belica a Moraña -que durará ata este sábado 9 de febreiro- entre as actividades programadas está a visita institucional ao Concello e unha excursión a Santiago de Compostela para coñecer os principais atractivos turísticos da capital galega, como a catedral ou o Museo do Pobo Galego, entre outros. A estancia tamén inclúe visitas coas familias de acollida á cidade de Pontevedra así como a zonas do litoral, como a praia da Lanzada e a Combarro, en Poio.
Este intercambio completarase no mes de maio coa viaxe de docentes e estudantes do CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña a Belica para afondar nas características da educación en Croacia e onde realizarán distintas actividades da man de docentes e alumnado da escola Osnovna.
Outro exemplo das estadías deste programa é a que realizaron en novembro de 2023 a directora e outras profesoras do CPI Santa Lucía ao instituto Folgore, na localidade italiana de San Gimignano para coñecer as actividades pedagóxicas e proxectos educativos que desenvolve este centro.