A Deputación adxudica as obras de mellora integral da estrada provincial A Xesteira- Almofrei
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobou este martes en Xunta de Goberno a adxudicación do contrato do proxecto de ensanche e mellora da seguranza viaria na estrada provincial EP-0405 A Xesteira-Almofrei. Esta actuación ten un orzamento de 900.000 euros e transformará os 1,5 quilómetros desta estrada de Cerdedo-Cotobade.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López informou este martes en rolda de prensa desta actuación na EP-0405 A Xesteira-Almofrei que ten por obxecto a creación de vías seguras para o tránsito peonil, concretamente unha nova senda peonil na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, e zonas de convivencia onde terán prioridade os peóns naqueles tramos onde non se pode executar a senda.
A senda peonil terá unha lonxitude dun quilómetro, e nese trazado ademais limitarase a velocidade a 30 km/h e incorporaranse tres redutores de velocidade. Nas zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, a velocidade máxima será de 20 km/h.
Ademais, desde a conexión coa estrada autonómica PO-233, o proxecto de transformación tamén inclúe a mellora do trazado, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia. Como actuacións complementarias, a Deputación de Pontevedra tamén acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de alumeado nas zonas de convivencia. Con isto conseguirase diminuír o consumo de enerxía, cun aforro enerxético estimado do 14% (pasando dos 42.969 kWh anuais a 37.030 kWh).
A Deputación conseguiu unha achega do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) dentro do programa DUS-5000 por importe de preto de 700.000 euros, polo que máis do 70% da actuación será financiada con recursos de Europa. O importe restante asúmeo a institución provincial e o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Relacionadas:
-
A mellora da estrada entre Almofrei e Xesteira, "mostra do compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais"
Por Redacción |
-
Avanzan na mellora da iluminación na estrada entre Borela e Almofrei
Por Redacción |
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa está preparado para o inicio das "obras históricas" de máis de 6 millóns de euros
Por Redacción |
-
A Deputación mobiliza preto dun millón de euros para transformar a estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno dá o visto bo aos convenios coa Deputación para a mellora das estradas de Almofrei e Quireza
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno municipal desbloquea o convenio coa Deputación para mellorar a estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez |