CCOO denuncia que os vestiarios das empresas auxiliares de ENCE en Lourizán son "unha especie de poboado chabolista con ratas"
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Comisións Obreiras de Pontevedra denuncia o "denigrante estado de insalubridade e inseguridade" que presentan os espazos destinados a aseo e vestiario destinados aos traballadores das empresas auxiliares da fábrica de ENCE en Lourizán.
Desde o sindicato manifestan que situadas nas proximidades ao enreixado do aparcamento de visitas atópanse unhas "ruinosas casetas de obra" nunha "especie de poboado chabolista", que proporciona ENCE e as empresas contratistas. Trátase dunhas casetas para que se utilicen como aseos, duchas e vestiarios destes traballadores.
Segundo describen, a maioría das casetas son "simples contedores de ferramentas sen calefacción, sen ventilación, sen espazo nin taquillas suficientes e cun absoluto amontoamento nas paradas técnicas".
Afirma que son "estruturas corroidas, cedidas e podrecidas" que provocan "humidades, condensación, pingueiras e buracos polos que se incorporan insectos e ratas como ocupantes habituais".
A estas circunstancias engaden que "os cortes de luz son continuos debido ao mal estado das instalacións, con enchufes queimados, luminarias rotas, empalmes ao aire ou cadros eléctricos abertos en zonas húmidas, co que poñerse a roupa de traballo é, en si mesmo, un acto de valentía pola ausencia de calefacción".
Xosé Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO, asegura que as portas se atopan arrincadas de raíz, os chans aparecen encharcados por múltiples fugas de auga de retretes, duchas e acumuladores eléctricos, teitos cheos de condensación e humidades, paredes cheas de óxido e varios sanitarios precintados desde hai anos".
"Non son o escenario dunha película de terror senón o lugar onde se atenta contra a dignidade e a saúde dos traballadores", denuncia.
Tampouco existen espazos para mulleres nin casetas para contratas pequenas, circunstancia que obriga ás mulleres traballadores a marcharse coa roupa de traballo á súa casa ou a cambiarse no coche.
Desde Comisións Obreiras indican que a dirección de ENCE "coñece perfectamente esta situación pero opta por incumprir coas súas obrigas legais respecto á normativa de seguridade e saúde".
"Non son o escenario dunha película de terror senón o lugar onde se atenta contra a dignidade e a saúde dos traballadores"
O sindicato presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e manifesta que manterán a loita ata que estes espazos de aseo sexan "dignos" para o persoal sen atentar "contra a súa saúde e a súa seguridade".
Tamén lembran que estes traballadores de empresas auxiliares defenderon "en primeira liña" a continuidade da fábrica pasteira en Lourizán.
Relacionadas:
-
CCOO demandará este 1 de maio pleno emprego, mellores salarios e industria na comarca
Por Anxo Lourido |
-
Analizan a importancia dos produtos derivados da madeira na economía circular
Por Redacción |
-
ENCE incorpórase á Alianza polo Clima de Galicia e anuncia a presentación do plan estratéxico a primeiros de 2024
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de ENCE reclaman investimentos na fábrica por ser un "compromiso moral" con Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O caso ENCE chega ao Constitucional: o Concello presenta un recurso de amparo contra a súa prórroga
Por Alejandro Espiño |