Propoñen a creación dun servizo municipal de limpeza e baleirado dos pozos negros e fosas sépticas
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSdeG-PSOE vén de presentar unha iniciativa para crear un servizo municipal de limpeza e baleirado dos pozos negros e fosas sépticas de Cerdedo-Cotobade.
No pleno ordinario que se celebrará o xoves 1 de febreiro debaterase a moción socialista que quere imitar a outros concellos como Ponte Caldelas que xa ofrece este servizo.
No pleno extraordinario do 29 de decembro aprobouse a ordenanza de sumidoiros que supón un aumento da taxa que se pagaba en Cerdedo mentres que en Cotobade aínda non existía esa taxa.
Os socialistas lembran que existen numerosos núcleos de poboación que carecen deste servizo, e as vivendas seguen dependendo de fosas sépticas. Tamén afecta a outros núcleos que si dispoñen de rede de saneamento pero que aínda non funciona, como é o caso da parroquia de Tenorio, "unha obra na que se investiron máis de 2 millóns de euros e que leva desde 2020 finalizada e sen funcionar".
A portavoz socialista, Ana Couto opina que o servizo de limpeza de fosas sépticas é "imprescindible" ao facilitar as xestións á veciñanza para que persoal especializado se ocupe do baleirado dos pozos de augas residuais.