O novo auditorio de Marín acollerá unha oficina de turismo que terá como protagonista a realidade virtual
Por Oskar Viéitez
O novo auditorio de Marín contará cun amplo vestíbulo que ademáis de funcionar como recibidor acollerá unha Oficina Virtual de Turismo que ten como obxectivo "mostrar Marín a quen nos visita coma nunca antes", explicou a alcaldesa, María Ramallo.
Este proxecto forma parte dun dos eixos do Plan de Sostibilidade Turística.
Nestes momentos, estase a traballar na redacción dos pregos que recollan as características desta oficina virtual, pero o Concello xa avanza que a realidade virtual e a capacidade de interacción entre as persoas visitantes e o contido turístico serán "dúas liñas estratéxicas fundamentais".
"Queremos unha oficina do século XXI, que nos permita ofrecer ao turista todo o que temos dunha forma dinámica, inmersiva, axudándolle a namorarse de nós nada máis chega a Marín", afirmou a rexedora.
Pantallas multitáctil, proxeccións e gafas de realidade virtual son só algúns dos elementos que formarán parte da oficina, desde a que se potenciará Marín como un destino turístico sostible, verde, activo e cheo de posibilidades.
A execución desta oficina seguirá os pasos do auditorio, polo que non poderá estar a disposición do público antes do primeiro trimestre de 2025, pero iso non significa que neste verán a promoción turística non vaia ter protagonismo.
Dentro do Plan de Sostenibilidade Turística, estanse tamén a preparar os pregos para o impulso dunha campaña de cara a época estival deste ano.