Oito comparsas confirman a súa asistencia ao desfile de entroido da Lama
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ata oito comparsas darán cor e ambiente ao desfile de entroido da Lama, que se celebrará o sábado día 17 de febreiro.
Así o avanzou o Concello da Lama tras recibir a confirmación de varias agrupacións da comarca: 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos e Os Solfamidas.
Non será en todo caso o único atrativo da divertida xornada de entroido, xa que a cabalgata tamén contará con carrozas, grupos, disfraces de parellas e individuais e representación infantil.
En canto aos premios que se repartirán, explica o goberno local, coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca do Verdugo-Oitavén a Oficina de Información Xuvenil (OMIX) da Lama, onde os interesados poden anotarse para participar no desfile (en horario de 9.00 a 14.00 horas ou a través do correo biblioteca-omix@concellodalama.com) habilitou dúas categorías (local e visitante) dotadas con premios por igual e en metálico.
Por local, explican, entenden a aqueles participantes domiciliados nos municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama.
A xornada grande do entroido da Lama concluirá cunha repartición gratuíta entre participantes e público dun chocolate con churros e cun baile de disfraces amenizado ata última hora do día amenizado polo trío musical 3.COM e DJ Marcial.