A Subdelegación de Abel Losada, "un antídoto aos negacionismos e un altofalante para a política útil"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Abel Losada tomou posesión este venres como novo subdelegado do Goberno en Pontevedra, un cargo que xa exerce desde finais de decembro, pero que agora se fixo oficial cun acto formal e multitudinario cunha alta representación da clase política, social e policial da provincia.
Ante o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a súa antecesora como subdelegada, Maica Larriba, deu conta das súas intencións para esa nova etapa, na que pretende que a Subdelegación de Pontevedra "sexa un lugar de diálogo, de encontro e de servizo á comunidad". Busca que a institución sexa "un antídoto aos negacionismos e un altofalante para a política útil, que é a que se fai por e para a cidadanía".
No seu discurso tamén amosou a súa confianza en que a actuación do Goberno central axude a "erosionar un pouco máis os negacionismos que pesan como unha laxa sobre a nosa sociedade". Falou da "cegueira ideolóxica dos que negan o cambio climático", do "despropósito dos machistas", dos homófobos, dos clasistas e dos xenófobos. "Negacionismos aos que agora se incorporou outro aínda máis pernicioso: o negacionismo da democracia mesma".
Unha das súas prioridades será a "intolerable" violencia machista, contra a que o Goberno manterá unha "loita militante e incansable". Amósase convencido de que non só hai que combater a violencia que sofren as mulleres, polo simple feito de ser mulleres, con leis e con medios policiais, xudiciais e asistenciais, senón que é necesario "combatela desde a sociedade mesma", un traballo que incumbe a todos e todas.
No seu discurso tivo palabras de recoñecemento para Pedro Blanco, para Maica Larriba, a súa predecesora, agardando "estar á altura do legado persoal e profesional que deixas nesta institución" e para o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presente no acto.
De Abel Caballero aprendeu a importancia de escoitar e nesta nova etapa comprométese a "escoitar moito para recoller as inquietudes e propostas das case 950.000 persoas que nos chamamos pontevedresas e pontevedreses".
Concelleiro vigués, Losada encara agora unha nova etapa en Pontevedra capital. No seu discurso de toma de posesión lembrou que foi un neno ourensán que pasaba os seus veráns infantís en Sanxenxo, cunha avoa que se desprazaba ata Pontevedra para asistir á misa en Santa María e que logo recibía o premio dun merecido chocolate no Savoy.
Con este regreso á cidade, pecha o círculo daquela Pontevedra que coñeceu da man da súa avoa, e na que xa foi tamén profesor na Facultade de Ciencias Sociais. "Comezo unha nova etapa nesta Pontevedra que soubo transformarse e camiñar ao paso dos novos tempos", sinalou.
O discurso tamén tivo referencias ao poeta Antonio Machado. Recoñeceu que citalo é "arriscado", tal e como se comprobou semanas cando Alberto Nuñez Feijóo, ex presidente da Xunta e líder do PP nacional, lle atribuíu por erro unha canción do cautautor Ismael Serrano. Lembrou esa anécdota e tamén o verso "Hoy es siempre todavía" que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, rescatou no seu discurso de investidura.
Fixo referencia ao "ruído do presente" que está convencido de que "pronto quedará apagado por un tempo que virá: con máis progreso, máis liberdade, máis igualdade e máis concordia en España, en Galicia e na nosa provincia" e pediu que "o alboroto, o ruído incesante dos insultos, o odio e a crispación non deben apartarnos deste camiño machadiano que se fai andando. Porque iso é o que nos demanda a cidadanía".
Alcaldes e alcaldesas; deputados e deputadas; a senadora Carmela Silva; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o candidato do PSOE ás eleccións autonómicas, Xosé Ramón Gómez Besteiro; responsables da Policía Local, a Policía Nacional, a Garda Civil, a Brilat ou a prisión da Lama; o fiscal xefe, Pablo Varela; a xuíza decana, Belén Rubido; o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez Estébanez; e unha ampla representación de cargos do PSOE acompañaron a Losada neste acto.
Do novo subdelegado dixo o delegado do Goberno en Galicia, antes do inicio do acto, en declaracións aos medios de comunicación, que "ninguén mellor que Abel para este cargo", pola súa traxectoria profesional, porque coñece profundamente a Pontevedra e porque "sei que quere profundamente a esta provincia".
"Vai ser unha persoa que de aquí en adiante vai ser claramente a visión ou a cara do Goberno de España dentro da provincia de Pontevedra", destacou Pedro Blanco. Máis tarde, pecharía o acto desexándolle "boa sorte" e animándoo "a traballar, que non hai tempo que perder".
Relacionadas:
-
"A área urbana Vigo-Pontevedra existe, é unha obviedade. A realidade económica, demográfica e funcional está aí"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Compromiso para impulsar a "cultura da defensa" en toda a provincia
Por Redacción |
-
Pontevedra iza a bandeira de España no bicentenario da Policía Nacional
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Galicia insiste en actuar sobre os pellets no mar e o Goberno veo "prácticamente imposible"
Por Alejandro Espiño |
-
Visita de traballo do subdelegado do Goberno ás oficinas de Michelena e Praza de España
Por Redacción |
-
O subdelegado do Goberno visita a Comisaría Provincial da Policía Nacional
Por Redacción |
-
Xa é oficial, Abel Losada é o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O concelleiro socialista vigués Abel Losada, novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Nin pontevedresa nin muller: Abel Losada soa "moi forte" para substituír a Maica Larriba na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |