Calculan que 8 de cada 10 pontevedreses acudirán ás rebaixas gastando 189 euros de media
Por Oskar Viéitez
A Asociación Española de Consumidores elaborou un informe sobre as rebaixas de xaneiro que este domingo comezaron con forza en todos os comercios.
En concreto, realizouse unha enquisa na que en Pontevedra establece un gasto medio de 189 euros por parte de cada consumidor que está disposto a realizar algunha compra neste período de vendas.
Ademais, segundo o estudo realizado, o 88% dos enquisados cre que as rebaixas que se inician nestes días "non van achegar ningún desconto adicional", ao considerar que ao longo dos meses anteriores producíronse xa rebaixas en certo xeito e, por tanto, o que publicitan os establecementos agora como rebaixas xa se ofreceu previamente.
En canto á porcentaxe de pontevedreses que comprará en rebaixas sitúase no 80%, sendo o 14% os que din que non realizarán ningunha compra e o 6% móstrase indeciso.
A Asociación Española de Consumidores aconsella realizar un consumo consciente e responsable, que evite realizar gastos superiores aos permitidos pola economía familiar, máis en tempos de crise económica e de alta inflación como estamos a vivir. Para iso é fundamental comprar só o necesario, controlar o gasto que se vai realizando, non deixarse levar por impulsos e evitar ir de compras como forma de lecer.
Unha precaución fundamental é a de elixir produtos seleccionados antes do comezo do período de rebaixas, o que permite coñecer o prezo anterior á rebaixa e evitar caer na compra de produtos de escasa calidade fabricados expresamente para estas datas, cuestión non permitida pola lexislación vixente.
En calquera caso, desde a Asociación Española de Consumidores faise un chamamento aos consumidores para que fagan valer os seus dereitos en época de rebaixas. A venda de saldos en lugar de rebaixas, a ausencia ou incorrecciones na etiquetaxe son os motivos de reclamación máis frecuentes, aínda que non os únicos.