O Viveiro de Barro acollerá unha oficina para fomentar o desenvolvemento de comunidades enerxéticas
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vai promover o desenvolvemento dunha Oficina de Transformación Comunitaria (OTC_DePo) da provincia que terá a súa sede física no Viveiro de empresas de Barro e cuxa finalidade será fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, alcanzando tanto núcleos urbanos e rurais como industriais.
Prevese que esta tamén sexa itinerante; estará montada sobre un vehículo espazoso que conterá toda a ferramenta e equipos necesarios, tanto para a difusión como para o acompañamento.
A prioridade principal da OTC_DePo é o fomento das comunidades enerxéticas no medio rural, especialmente nos concellos do reto demográfico.
O ámbito de actuación da OTC_DePo serán todos os concellos da provincia de Pontevedra con poboación inferior a 50.000 habitantes (59 municipios). Con este criterio só as cidades de Pontevedra e Vigo quedan excluídas.
O plan de traballo da OTC_DePo céntrase en tres puntos crave: difusión, asesoramento e acompañamento na creación de comunidades enerxéticas.
Este proxecto está financiado polo Programa “CE Oficinas”, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O custo total deste proxecto é de 746.978 euros e a axuda concedida á Deputación foi de 495.762 euros. Está previsto que se desenvolva de forma piloto ata o 30 de setembro de 2025.