Impulsan un inventario de "elementos singulares" para priorizar as obras de mantemento
Por Alejandro Espiño
Dentro do impulso que o goberno municipal quere dar neste mandato para manter o espazo público do municipio nas mellores condicións posibles, o Concello encargou a realización dun inventario que catalogue todos os "elementos singulares" que existen.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que se trata dunha iniciativa "seria e necesaria" para poder programar actuacións "de antemán" e priorizar aquelas que teñan maior urxencia, evitando que "non teñamos sorpresas".
"As obras de emerxencia teñen uns custos superiores as dos traballos ordenados", asegurou Fernández Lores, que detallou que a elaboración deste inventario supoñerá un investimento de case 285.000 euros.
Non se tratará só de identificar e catalogar todos estes elementos patrimoniais, senón que se analizarán os muros de contención e a cimentación de cada un deles, incluídos pontes e pasarelas, pórticos ou mastros de gran altura, tanto no rural como no ámbito urbano.
"É un tema importantísimo e encaixa dentro do plantexamento do novo mandato de coidar o patrimonio e dedicar esforzos ao mantemento do xa executado, ao marxe de que se fagan actuacións novas", subliñou o rexedor pontevedrés.
CAMIÓN PARA BOMBEIROS E RECADACIÓN DE MULTAS
A Xunta de Goberno celebrada este xoves tamén aprobou o inicio dos trámites para adquirir un novo camión tipo nodriza para o parque de bombeiros. O vehículo, que substituirá ao actual, terá un custo duns 435.000 euros.
O alcalde detallou que este camión contará cunhas características superiores ao existente, con maior capacidade de almacenamento de auga para a loita contra os incendios e a posibilidade de poder actuar a maiores alturas.
Ademais, o goberno municipal acordou sacar a licitación por dous anos, prorrogables outros tres máis, o servizo de asistencia na recadación de multas e impostos pola vía executiva, traballos que desde hai anos realiza en Pontevedra a empresa Recygest.
O Concello contratarao por unha contía de 1,3 millóns de euros por eses dous anos.