Juan Picos seguirá como director en funcións na Escola de Enxeñería Forestal do campus
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e6d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/65846787d4-popicos.jpg)
© DUVI - Campus Pontevedra - Universidade de Vigo
Juan Picos Martín continuará dirixindo a Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra despois de que non se presentaran candidaturas durante o proceso electoral aberto neste centro.
Está previsto que se convoquen novamente eleccións durante os próximos meses e, mentres tanto, o profesor do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente seguirá exercendo o cargo en funcións.
Juan Picos asume esta responsabilidade desde 2017. Exerceu previamente como secretario académico da escola e sucedeu a Enrique Valero na dirección á fronte dun equipo no que figuraban Ángeles Cancela como subdirectora e José Manuel Casas como secretario académico.
En novembro de 2020 foi reelixido para un segundo mandato consecutivo, o máximo que permite a actual normativa, co apoio unánime dos 23 integrantes da Xunta da Escola.
Durante o seu mandato, o centro lograba a concesión definitiva do selo internacional EUR-ACE, un certificado que acredita o cumprimento dos estándares europeos neste ámbito da enxeñería e que a escola lograra de maneira provisional en 2019.
Picos destaca, en declaracións realizadas ao DUVI, o reforzo das relacións da escola cos centros de formación e investigación forestal de Pontevedra e a colaboración no desenvolvemento do campus pontevedrés ao longo dos últimos anos.