Actuación de emerxencia para acabar coas inundacións na Rúa do Santo
Por Alejandro Espiño
Desde hai uns días, operarios da empresa Viaqua están a realizar unha serie de actuacións para poñer fin aos episodios de inundacións que se rexistraron na Rúa do Santo, en Lourizán, polas choivas das últimas semanas.
Estas obras, que o Concello contratou pola vía de emerxencia, teñen un custo de 42.000 euros e servirán para limpar a canalización dos dous regachos que pasan pola zona, por baixo da PO-546 e a propia Praza da Igrexa de Lourizán, ata desembocar na ría.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que esta intervención ten como obxectivo "evitar que sucedan de novo" estas inundacións, traballando para desatascar toda a canalización de ambos os regachos.
Fernández Lores sinalou que todos os imbornais do barrio están conectados con estes regachos, polo que se hai elementos que impiden que se baleiren adecuadamente é cando se rexistran estas inundacións "cando hai choivas grandes".
"Os veciños teñen razón e hai que resolver iso", subliñou o alcalde, para evitar non só as inundacións, senón que as augas pluviais non se mesturen coas fecais e acaben vertidas na ría sen ningún tipo de control nin depuración previa.
Ademais, os operarios están a reparar pozos de rexistro que non estaban ben conectados e creando algúns novos para aliviar a presión da auga sobre estas canalizacións.
Estes traballos de limpeza, segundo o rexedor pontevedrés, repetiranse "de maneira sistemática" antes de cada inverno para comprobar que a auga poida saír cara á ría.
OBRAS DE SEGURIDADE NA RÚA DO OURO
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou tamén a realización de obras de emerxencia para garantir a seguridade no inmoble situado no número 17 da Rúa do Ouro.
Trátase dunha execución subsidiaria para cumprir unha orde que os seus propietarios non executaron. Teñen un custo de 59.000 euros que, unha vez completados os traballos, serán reclamados aos seus donos, unha vez estes sexan identificados adecuadamente.
O inmoble ten risco de desprendemento da galería á vía pública, que xa está apontoada, e de caída de tellas á rúa, polo que se propón unha derriba parcial da galería, a retirada de elementos da cuberta, o tapiado de todas as portas e xanelas e a instalación dunha estrutura metálica para protexer o tellado.
Ademais, o Concello outorgou a licenza urbanística para a demolición do edificio número 14 da rúa Perfecto Feijóo. Os seus propietarios solicitaron este trámite para, posteriormente, poder levantar un inmoble de nova planta, segundo informou o alcalde.