Pontevedra prorroga o convenio coa Xunta para o transporte urbano: "Está funcionando ben"
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra aprobou este xoves a prórroga do convenio coa Xunta de Galicia para subvencionar o funcionamento das dúas liñas circulares de autobuses coas que conta o transporte urbano da cidade.
"Está funcionando ben", segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de aí que de cara ao próximo ano a achega do Concello pase dos 145.000 euros a case 255.000 euros.
O transporte urbano de Pontevedra, destacou Fernández Lores, sigue aumentando o número de usuarios e está "cumprindo a súa función" de contribuír a mellorar a mobilidade urbana.
O rexedor celebrou que o investimento para financiar o sistema implantado na cidade "vai en beneficio dos usuarios do transporte", así como para a mellora das liñas.
A pesar desta boa marcha, os responsables do servizo seguen revisando o seu funcionamento para analizar a posibilidade de modificar paradas ou ampliar as frecuencias.
"Estamos escoitando as demandas dos que utilizan o servizo para que estea a gusto de todos e todas", sentenciou o alcalde.
Así, o próximo ano manterase o desconto de 0,50 euros no prezo dos billetes das viaxes con orixe e destino no termo municipal de Pontevedra, así como a bonificación dos transbordos.
Estas medidas de fomento do uso do transporte público impulsaron, segundo informa a Xunta de Galicia, un crecemento da demanda nas viaxes urbanas de Pontevedra dun 30% con respecto ao ano pasado, superando os 74.000 viaxeiros en novembro, fronte aos 58.000 do mesmo mes de 2022.
No acumulado de 2023, ata novembro, realizaron viaxes urbanas en Pontevedra case 650.000 usuarios, dos cales case o 80% se beneficiaron dos descontos nas tarifas polo pagamento coas Tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova.
Os traballos de campo sobre o transporte público realizados este outono arroxaron unha valoración xeral de 89 puntos sobre 100 na calidade dos servizos do transporte urbano de Pontevedra, que presta a Xunta a través deste convenio co Concello.
Relacionadas:
-
O transporte urbano de Pontevedra consolídase cunha media de 24.000 usuarios ao mes
Por Alejandro Espiño |
-
Cambio do percorrido da liña 2 do bus urbano de Pontevedra con motivo das obras do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello de Pontevedra abordará coa Xunta o reforzo dalgunhas liñas do transporte urbano
Por Oskar Viéitez |