O transporte urbano de Pontevedra consolídase cunha media de 24.000 usuarios ao mes
Por Alejandro Espiño
Aos poucos, o transporte urbano de Pontevedra vai tomando ritmo. Así o certifican os datos de viaxeiros que achegou a Xunta de Galicia ao Concello. Durante o último ano subiron a estes autobuses unha media de más de 24.000 usuarios mensuais.
O punto de partida, segundo destaca o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, eran os 19.629 viaxeiros que houbo en outubro de 2021. No mes de novembro de 2022 chegouse ata as 36.127 persoas a bordo dalgunha das dúas liñas circulares operativas.
En total, os datos reflicten que, entre novembro de 2021 e decembro de 2022, o transporte urbano pontevedrés deu servizo a 338.629 pasaxeiros. Deles, o 71% empregan a tarxeta moedeiro que subvencionan as administracións, dos cales case 5.000 son tarxetas Xente Nova.
Pontevedra ten rexistradas 7.810 emisións de tarxetas de transporte metropolitano de Galicia, o que supón o 56% das emitidas en toda a área metropolitana. Ao respecto das tarxetas Xente Nova, coas que viaxan de balde os menores de 21 anos, foron expedidas 4.941.
Ao longo dos meses, segundo este informe, apréciase un descenso en épocas de vacacións escolares e de verán e un incremento das viaxes en época escolar.
Por liñas, a máis empregada é a L2 (Praza de Galicia - Hospital Montecelo - Monte Porreiro) que chegou aos 186.564 viaxeiros de novembro de 2021 a decembro de 2022. A L1 (Estacións - A Xunqueira - Monte Porreiro) situouse, pola súa banda, en 140.311 viaxeiros.
O responsable municipal de Mobilidade asegura estar "moi satisfeito" con estes datos porque demostran que o servizo "adáptase ás nosas necesidades e é un bo servizo para os veciños". Con todo, asegura que seguirán traballando para melloralo aínda máis.
A este respecto, cabe recordar que as obras do Gran Montecelo provocarán a partir de mañá un cambio no trazado da L2, ao non poder circular entre Príncipe Felipe e o hospital.
Así, a liña continuará exactamente como está no sentido Praza de Galicia-Monte Porreiro, pero para regresar de Montecelo ata o centro de Pontevedra o bus subirá ata a rotonda de entrada de Montecelo, diante do hospital, dará a volta, baixará ata Santa Margarita e virá a Pontevedra pola avenida de Lugo.
Tres das paradas da liña, as da cidade infantil, Moldes e San Amaro, no sentido Monte Porreiro-Praza de Galicia quedarán inutilizadas durante o tempo que duren as obras, que a Xunta de Galicia estima que se prolongarán por espazo de seis meses.
Relacionadas:
-
Pontevedra prorroga o convenio coa Xunta para o transporte urbano: "Está funcionando ben"
Por Alejandro Espiño |
-
"Cando dúas administración se poñen de acordo funcionan mellor as cousas"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Cambio do percorrido da liña 2 do bus urbano de Pontevedra con motivo das obras do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As dúas novas paradas do bus urbano activaranse a partir do 17 de outubro
Por Alejandro Espiño |