Alberto Oubiña regresa ao goberno municipal para substituír a Carme da Silva
Por Alejandro Espiño
"Ilusionado non, o seguinte". Así está Alberto Oubiña ante o seu regreso á corporación municipal. Será a persoa que substitúa a Carme da Silva, que abandonará a súa acta de concelleira o próximo 18 de decembro para centrarse nas súas responsabilidades como senadora do BNG.
Aos seus 33 anos, Oubiña volve ao goberno municipal apenas seis meses despois de quedar fóra. Ía de número 11 na candidatura do BNG nas últimas eleccións e os nacionalistas sacaron nove concelleiros. A décima, Carmen Fouces, optou por non recoller a acta.
Acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o futuro concelleiro explicou que "me ilusiona moito" seguir traballando nesta "nova etapa" na que, segundo destacou, "percíbise que hai un cambio e as cousas funcionan de forma distinta".
Aínda que máis adiante poida haber "variacións puntuais" nas súas competencias, Alberto Oubiña asumirá todas as áreas que levaba Da Silva, é dicir, urbanismo, patrimonio histórico, ordenación do territorio e disciplina ambiental e urbanística.
A de urbanismo, afirmou Oubiña, "é unha materia que me interesa moito e que me apetece coñecer en profundidade". A súa incorporación á dinámica de traballo será inmediata, aínda que a súa toma de posesión non se producirá, previsiblemente, ata xaneiro.
A este respecto, Fernández Lores destacou a importancia que o BNG outorga a que todos os seus concelleiros "teñan todo o Concello na cabeza", polo que subliñou que nesta nova etapa Alberto Oubiña "poderá coñecer outras áreas" da xestión municipal.
Ademais, o alcalde agradeceu o "excelente" traballo de Carmen Fouces durante os doce anos que formou parte do goberno municipal. Ela mesma foi, segundo Lores, a que optou por non volver porque está "moi ilusionada" co seu traballo no IES Valle Inclán.