A residencia de maiores e centro de día de Carballedo, pendente de Política Social
Por Redacción
O proxecto para a construción da Residencia de Maiores e Centro de Día de Carballedo está nestes momentos pendente do visto bo da Consellería de Política Social. A empresa adxudicataria remitiu o proxecto en tempo e forma á Xunta e agora falta que responda.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, agarda o visto bo para convocar o pleno extraordinario urxente que dea a licencia definitiva para que comecen as obras.
Jorge Cubela confirmou que a pasada semana a empresa fixo entrega á Deputación e á Consellería de Política Social das modificacións técnicas solicitadas para o proxecto.
Os técnicos da Deputación xa deron o visto e prace e agora agardan que nos vindeiros días a Xunta dea a luz verde definitiva á construción.
Jorge Cubela agarda que antes de que remate o presente mes de decembro o proxecto construtivo poida contar co visto bo dos técnicos da Consellería de Política Social coa intención de convocar coa máxima celeridade posible un pleno extraordinario urxente para que a Corporación Municipal lle poida conceder de inmediato, previo informe positivo dos técnicos municipais, a licencia definitiva que precisa a empresa adxudicataria.
O rexedor amosouse "optimista" e destacou que desde o Concello "estamos poñendo toda a carne no asador para que as obras comecen canto antes" e o proxecto sexa unha realidade "o máis axiña posible".
O Concello xa se puxo en contacto coa empresa Eléctrica Moscoso, titular da liña de alta tensión que pasa pola parcela onde se ubicará a residencia e centro de día para levar a cabo o retranqueo e a construción dun transformador que deben correr por conta do Concello.
O orzamento inicial achegado pola compañía eléctrica fixa nuns 146.000 euros o custo previsto para realizar esta operación. O alcalde avanzou que a súa intención é realizar esta actuación de xeito simultáneo e inmediato a través dun expediente de contratación con cargo aos orzamentos do 2024 "grazas á boa situación e á solvencia das contas do Concello".
Relacionadas:
-
Aprobado o Plan de Seguridade previo á construción da residencia de maiores e o centro de día de Carballedo
Por Redacción |
-
O mercado ambulante de Carballedo celebrarase o segundo domingo de cada mes
Por Redacción |
-
Cubela presume dos "moi proveitosos" 100 primeiros días de goberno, nos que mobilizou máis de 1,2 millóns de euros
Por Redacción |
-
As obras da residencia de maiores e centro de día de Carballedo, a un paso de poder comezar
Por Redacción |
-
Unha única empresa opta ao contrato de construción da residencia de maiores e centro de día de Carballedo
Por Redacción |