'Seis caminos de diversidad funcional' é o título do libro, de autoría compartida, que acaba de poñerse á venda e en cuxas páxinas se narran seis casos de diversidade funcional desde a experiencia de cada menor diagnosticado e desde unha persoa próxima a eles. Unha das firmas corresponde á pontevedresa Sabela Senn Bezoya, pedagoga da Linguaxe Musical, musicoterapeuta, violinista e tamén escritora.
Trastorno do espectro autista, hipoacusia, epilepsia focal, trastorno de atención e hiperactividade, síndrome de Sturge-Weber e hemiparexia, son as diversidades funcionais que se expoñen. Sabela Senn fala a través do caso dun dos seus alumnos do Conservatorio da Coruña. Este é un dos tres únicos conservatorios de música en España que imparten docencia con menores que presenten algunha diversidade funcional e ela narra a experiencia dun neno con autismo. O libro está prologado polo presidente da Fundación Pegasus, David Rodríguez, e popular polo lema: o meu non é normal, pero o teu tampouco.
Os seis autores destinan os dereitos á Asociación Española Síndrome Rubinstein Taybi. Contido, prólogo e destino benéfico fan que o obxectivo final do libro sexa a visibilidade e o "achegamento san" cara a persoas con estas patoloxías. De feito, como precisa Sabela no podcast 'Cara a cara' hai un capítulo dedicado a estes últimos consellos. A iniciativa non termina neste título xa que a intención é seguir editando máis libros que mostren as realidades de máis diversidades funcionais e deshechar as barreiras entre "neurotípicos e neurodiversos".
'Seis camiños de diversidade funcional' é o segundo título no que participa conxuntamente Sabela Senn; o anterior foi 'Desamor. La tribu de los corazones rotos', publicado o pasado 2022. Actualmente dedica tempo a un ensaio e unha novela, xa a título individual e o próximo curso quere retomar a actividade docente xa que non concibe a súa vida sen música. Podes escoitar o programa completo na ligazón que se adxunta e descargar o podcast na web de PontevedraViva Radio.