RADIO.- Tras a "doce" noite do sábado, as orquestras fan fronte ao intrusismo e ao boicot
Por Marisa Ciordia
"Un día marabilloso, despois de case dous anos poder volver ao directo, á maxia de estar diante do público, que tivo un comportamento perfecto, o balance é moi positivo". Así fala en PontevedraViva Radio Víctor Antón, xerente da empresa pontevedresa axencia Gaias Eventos, que representa á Orquestra Marbella, participante na verbena piloto de Marín o pasado sábado 19 de xuño.
Un sabor doce o desta pasada velada que contrasta coa agre tesitura coa que se están atopando, motivada por dúas circunstancias: o intrusismo profesional e o boicot auspiciado por algúns alcaldes.
"Desde o sábado estamos a recibir chamadas das comisións de festas, dalgúns concellos, comprometéndose a contratar polo menos unha actuación, pero hai concellos - alcaldes -, que están a suxerir que non se contraten orquestras para celebrar verbenas e estanse substituíndo por outro tipo de actuacións", denuncia no podcast 'Mentres isto dure'.
Engade Antón, que é tamén delegado en Galicia de ACOPLE: "aqueles que estes días están a dicir que ninguén contrate a unha orquestra están a boicotear a premisa do goberno de que ninguén pode quedar atrás". Así, están a reclamar á Xunta un pronunciamento público reiterando a autorización da celebración das verbenas en Galicia.
Lanza igualmente outra pregunta: "se neste ano de pandemia as deputacións excluíronnos para salvar postos de traballo, para que son as subvencións á cultura?"
Fala dun sector en perigo de extinción. E apóiao con datos: en 2019 había en Galicia unhas duascentas orquestras - que significaban uns tres mil postos de traballo directos -; a xuño de 2021 "estaban preparadas para a proba piloto, sendo xenerosos, un total de dez - uns 600 postos directos- ".